Volver

A Xunta participa na homenaxe a Xosé Crecente Vega polo 125º aniversario do nacemento do poeta chairego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial Javier Arias participaron en Castro de Rei na presentación da obra 'O mundo nun puño de remol (poesía póstuma)'.

  • Homenaxe a Xosé Crecente Vega
  • Presentación da nova saqueta emocional
  • Homenaxe a Xosé Crecente Vega
  • Homenaxe a Xosé Crecente Vega

Castro de Rei (Lugo), 3 de xuño de 2021.- A Xunta de Galicia, representada no seu secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e no seu delegado territorial en Lugo, Javier Arias, participou hoxe á tarde no acto de homenaxe ao sacerdote, latinista e poeta chairego Xosé Crecente Vega (Castro de Rei, Lugo, 1896 - Segovia, 1948) organizado pola Comisión Crecente Vega e polo Concello de Castro de Rei, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e con motivo do 125º aniversario do seu nacemento.

Ao pé do carballo de Luxís, Valentín García recordou a figura de Xosé Crecente Vega como a dun dos “egrexos das Letras Galegas, considerado unha das tres coroas clasicistas, canda Noriega Varela e Aquilino Iglesia Alvariño”. En palabras do secretario xeral, “autores que axudaron a configurar a plenitude da escola poética mindoniense, con fonda impronta humanista e grande apego pola linguaxe popular e pola paisaxe rural, e que ocupan desde sempre un lugar destacado na historia da literatura escrita na lingua propia de Galicia”.

A canda os representantes da Xunta de Galicia, participaron tamén o rexedor castrense, Francisco Javier Balado; o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes; o historiador, investigador e editor da obra do homenaxeado, Ricardo Polín, e Regina Polín, Félix Villares e Felipe Arias, en nome do devandito colectivo que procura a visibilidade e recoñecemento do autor e da súa obra, así como a candidatura do chairego como figura merecente das Letras Galegas promovidas pola RAG.

Poesía completa e actualizada

O acto contou tamén coa intervención musical da banda Eladio y los seres queridos, encargados de musicar o coñecido “Cantar do muíño”, incluído no único poemario publicado en vida do vate homenaxeado, Codeseira (1933). O mundo nun puño de remol (poesía póstuma), que dá ao prelo Espiral Maior, completa e actualiza a poesía de Xosé Crecente Vega desde a publicación de Folla Bricia. Poesía galega completa (edición crítica e estudo de Ricardo Polín) no ano 2003 polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.