Valentín García participa na presentación do proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA)
VolverSantiago de Compostela, 21 de xuño de 2022.- O proxecto Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) presentou esta mañá unha nova versión da súa base de datos, a número 18, nun acto ao que asistiron Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, Xosé Carracedo Fraga, director de CODOLGA, Mariña Bermúdez Beloso, membro do equipo CODOLGA e Mario Barcala, responsable informático.
Este proxecto está dirixido polo profesor Xosé Carracedo Fraga do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC, e desenvólvese no marco dun convenio existente entre a USC e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Nesta versión son incorporados 229 novos documentos e están xa dispoñibles 18.873 textos documentais relacionados coa Gallaecia dos séculos VI ata o XV, ambos inclusive, o que supón un material extraordinario e imprescindible para calquera estudo sobre a Galicia medieval no ámbito da lingüística, da literatura, da cultura, da socioloxía ou da historia en xeral.
A infraestrutura informática na que está dispoñible esta documentación (http://corpus.cirp.es/codolga/) permite realizar buscas de calquera palabra ou conxunto de palabras segundo diversos criterios, o que fai deste corpus textual unha ferramenta básica para a docencia e a investigación de diversa índole sobre a Galicia medieval: lingüística, literaria, histórica, cultural ou sociolóxica.
Nesta nova versión están incluídos 18.873 textos documentais. Foron aplicados ademais algúns dos axustes e melloras na información facilitada e na aplicación informática, dos que se tivo oportunidade de tratar no coloquio internacional “Os corpora documentalia Latina da Península Ibérica no 25 aniversario de CODOLGA”, celebrado no CRPIH os días 18 e 19 de novembro pasado e que contou coa participación dos membros dos distintos equipos de España e Portugal que están traballando sobre documentación latina medieval. Nesa xuntanza houbo tamén ocasión de debater sobre avances realizados e sobre obxectivos e perspectivas de futuro dentro do proxecto colaborativo común que xa deu lugar á rede Corpus Documentale Latinum Hispaniarum (CODOLHISP) e ao correspondente recurso informático que permite buscas conxuntas nos respectivos corpora documentalia (http://codolhisp.imf.csic.es/codolhisp/).
A páxina web do proxecto CODOLGA conta ademais cun apartado titulado “fontes e estudos” dedicado a recompilar outros textos latinos medievais importantes pola súa relación coa Gallaecia medieval ou algúns estudos singulares do ámbito do proxecto. Neste novo número ese apartado vai enriquecido con dous breves, pero interesantes relatos históricos de Diego de Muros II (ca. 1450-1525) sobre as campañas militares dos exércitos dos Reis Católicos en Málaga no ano 1487 e en Granada no ano 1488.