A Estrada (Pontevedra), 19 de novembro de 2026.- O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañou onte ao mestre estradense Nicolás Luna na presentación da obra A viaxe da educación física escolar, editada por Fervenza coa colaboración da Xunta de Galicia. O libro reúne propostas sobre deportes alternativos, xogos integrais e dinámicas interdisciplinarias combinando a práctica da Educación Física coa lectura e adaptándose aos diferentes ritmos do alumnado.
O acto de presentación, que acolleu o Recreo Cultural, contou tamén coa participación do rexedor estradense, Gonzalo Louzao; da mestra e escritora Charo Golmar, e do doutor en Ciencias da Actividade Física Joaquín Lago, ademais de coa música do cantautor Manoele de Felisa e do coro do IES Manuel García Barros.