Valentín García destaca a importancia da tradición oral na presentación do libro ‘Avó, cóntame aquel de...’
VolverO secretario xeral da Lingua participou neste acto para dar a coñecer o traballo da autora María del Carmen Seijas López
Agolada (Pontevedra), 25 de outubro de 2024
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na presentación do libro Avó, cóntame aquel de... da autora María del Carmen Seijas López onde puxo en valor a importancia da tradición oral nesta recompilación de contos infantís en galego.
Neste acto, celebrado no colexio de Agolada, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o “bo momento que vive a produción literaria en galego e que se demostra nos recoñecementos obtidos a nivel nacional” facendo fincapé na “importancia de achegar a todos os públicos obras na nosa lingua”. Deste xeito, agradeceu á autora o seu traballo e destacou o seu carácter solidario, xa que a recadación será doada á Asociación de Pais de Diminuídos Psíquicos da Comarca do Deza.
Avó, cóntame aquel de... é o resultado da recuperación de diferentes historias da tradición oral que foron recollidas por María del Carmen Seijas López neste volume, no que, ademais, colaborou Ángel Ayude quen aportou a parte gráfica da obra con varias ilustracións.