Valentín García gaba a promoción do galego na literatura de terror nos premios Territorio Vákner

Volver

O secretario xeral da Lingua participa na entrega dos galardóns desta terceira edición a Natalia Monje, Natalia Lema e Rocío Leira

Da sección escolar son recoñecidas Nuria Quintela Fontela, do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, e Adriana González Leira, do instituto Rosalía de Castro de Santiago

Dumbría (A Coruña), 9 de novembro de 2024

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, participou hoxe na entrega dos galardóns da terceira edición do certame de contos de terror Territorio Vákner, onde gabou a promoción do galego neste xénero literario e a iniciativa que procura o impulso á escritura en todos os niveis e para todos os públicos.

No marco deste acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o bo momento no que se atopa a literatura galega, xa que conta con grandes escritores e escritoras consolidados no panorama nacional e internacional. Neste senso, puxo en valor “a necesidade de contar con certames que fomenten a creación literaria tanto na categoría de adultos, como a estudantes con menos experiencia neste eido”.

Así, o primeiro premio Territorio Vákner recaeu na divulgadora coruñesa Natalia Monje pola historia Birng your Spirit Down. O segundo galardón foi para o relato O Vákner foi un Mocoso de Altamira de Natalia Lema, xa coñecida neste certame, e en terceiro lugar quedou o relato Metáforas dun monstro, de Rocío Leira, que tamén foi finalista na pasada edición.

En canto ás seccións escolares do certame, no apartado de primaria venceu Nuria Quintela Fontela, do colexio Manuela Rial Mouzo de Cee, co seu conto Sentimentos, mentres que en secundaria a gañadora foi Adriana González Leira, do instituto Rosalía de Castro de Santiago, co seu relato O influencer de Dumbría.

Departamento: Tema: Lingua