A Xunta conta con máis de 16.700 títulos na plataforma GaliciaLe e realizou máis de 124.000 préstamos no que vai de ano

Volver

Son datos que dá a coñecer a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con motivo do Día do Libro Electrónico, marcado no calendario da lectura e do libro de Galicia

Destaca o aumento dun 17% dos préstamos no catálogo en galego deste sistema das bibliotecas públicas neste primeiro semestre de 2025, con respecto ao 2024

Ademais, o ano pasado recibiron axudas do Goberno galego 14 proxectos de audiolibros a través da liña de subvencións para fomentar a produción neste eido

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2025

A Xunta de Galicia conta cun total de 16.736 títulos en GaliciaLe, a plataforma de préstamo de libros, revistas, audiolibros e películas en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas. Así, desde comezos deste ano ata a data actual adquiríronse 996 novos títulos e 4.378 novas licenzas. Ademais, nese mesmo período, realizáronse a través deste sistema, posto en marcha para facilitar o acceso da cidadanía á cultura mediante as tecnoloxías, 124.496 préstamos.

Son datos que deu a coñecer hoxe a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con motivo do Día Electrónico, unha das efemérides sinaladas no calendario do libro e da lectura das bibliotecas de Galicia. Deste xeito, tamén cómpre destacar que no que vai de 2025 os préstamos do catálogo en galego aumentaron un 17% con respecto ao 2024, mentres que na comparativa entre o 2023 e o 2024 o incremento foi dun 31%. No caso do catálogo en castelán, a porcentaxe subiu un 19% e un 31%, respectivamente.

Neste senso, os usuarios activos da plataforma mantéñense este ano por riba dos dous anos anteriores, situándose nunha media de 6.000 persoas ao mes polas 5.000 e 4.000 que se rexistraron en 2024 e 2023. Así mesmo, a través de GaliciaLe +, destinada a usuarios de fóra da Comunidade, realízanse préstamos en países de América, encabezados por Arxentina e Brasil, en Europa, cos Países Baixos á cabeza, e no resto de España, onde os usuarios máis interesados na plataforma proceden de Madrid.

Con respecto á colección, o Goberno galego inviste 172.000€ neste 2025 para renovacións e novidades nos catálogos da plataforma, dos que 160.000€ están destinados ao libro electrónico e audiolibros e 12.000€ ao audiovisual galego. Así, actualmente, a composición do fondo, por formatos, conta con 14.955 libros electrónicos, 38 revistas, 523 películas e 1.220 audiolibros.

Apoio á produción e edición de audiolibros

En 2024 publicáronse 564 títulos en formato electrónico por parte das editoras privadas galegas e comercializáronse 6.952 títulos. Neste contexto, hai que destacar a liña de axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude dirixidas a apoiar o sector editorial no que se refire aos gastos derivados da edición, distribución e comercialización das súas publicacións en formato audiolibro, unha modalidade que en Galicia practica un 5,6% da poboación.

Ao abeiro da última convocatoria destas subvencións, correspondente a 2024-2025, convertéronse en audiolibros un total 14 obras comerciais. Ademais, a Xunta mantén o compromiso coa contratación directa de produción de audiolibros de obras clásicas da literatura galega polo seu valor cultural. O ano pasado engadíronse 9 títulos e nos vindeiros meses está prevista a encarga da produción de 5 títulos máis e de 11 obras  gañadoras do Premio Nortear de literatura entre o 2016 e o 2024.

Departamento: Tema: