A Xunta recibe máis de mil achegas no proceso aberto para actualizar o Plan de normalización da lingua
Destas propostas, máis de 300 proceden da caixa de correo virtual a través da que se fixo un chamamento á participación da cidadanía e que pecha mañá
Pola súa parte, as 11 comisións de traballo establecidas para renovar o Plan reciben máis de mil iniciativas derivadas das súas entrevistas con distintas entidades e colectivos
Toda esta documentación será analizada xunto con outra información como os datos do IGE e da enquisa de percepción social, ademais doutros informes de entidades como o Consello da Cultura Galega
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, destaca que “estamos cumprindo a nosa vontade de escoita, o que nos permite ter unha visión moi completa a distintos niveis”
Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2025
A Xunta recibiu máis de mil achegas a través do proceso aberto para levar a cabo a actualización do Plan xeral de normalización da lingua galega. Así o anunciou hoxe o secretario xeral da Lingua, Valentín García, nunha rolda de prensa na que indicou que, grazas aos contactos establecidos desde as 11 comisións de traballo conformadas por expertos en diferentes materias, chegaron máis de mil propostas, ás que hai que sumar as máis de 300 recibidas a través da caixa de correo dispoñible para a participación da cidadanía.
Tal e como explicou o representante do Executivo autonómico, toda esta documentación está sendo analizada pola comisión técnica designada para guiar a renovación do Plan, coordinada polo académico Manuel González González, presente na comparecencia ante os medios. Trátase dunha información que se suma aos datos sobre a lingua publicados polo Instituto Galego de Estatística ou dos extraídos da Enquisa de percepción social do galego realizada a 1.200 familias con fillos en idade escolar nas etapas de primaria e secundaria. Ademais, incluiranse na avaliación outros informes achegados por entidades como o Consello da Cultura Galega, unha das primeiras institucións coas que se mantiveron consultas por parte da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para desenvolver este proceso.
Neste senso, Valentín García lembrou que “a iniciativa de implicar aos galegos e galegas neste procedemento formou parte desde un principio da folla de ruta prevista desde que anunciamos un Pacto pola Lingua”, puntualizando que desde entón “fixemos un chamamento tanto aos grupos políticos con representación parlamentaria como a entidades de relevancia, axentes sociais e poboación en xeral”. Así, precisou, “estamos cumprindo coa nosa vontade de escoita e análise desde moi diversos puntos de vista, unha decisión moi acertada porque nos permite ter unha visión moi completa da percepción sobre o galego a moi distintos niveis”.
O responsable de Lingua deu conta dos resultados recollidos a través de diferentes propostas recibidas e que “coinciden en gran medida cos bloques nos que se dividen as mesas de traballo para a renovación do Plan”, o que indica, incidiu, “que estamos no camiño correcto en consonancia coas cuestións nas que fai fincapé a sociedade”. Así, Valentín García mostrouse satisfeito coas suxestións recibidas “en clave positiva”, que xiran ao redor do ámbito da administración, a educación, os medios de comunicación, as tecnoloxías, os dereitos lingüísticos, a economía ou a familia.
Máis concretamente, algunhas das ideas formuladas inciden na necesidade de prestixiar a lingua e facerlle entender á sociedade que é un idioma útil e importante, desmitificando certas crenzas, ou a garantir a presenza do galego nas tecnoloxías (aplicacións, buscadores, asistentes de voz) e no eido dixital promovendo contidos en galego desde a produción ata a propia publicidade. Nesta liña, as propostas tamén se centran nas industrias culturais, potenciando a programación de contidos en lingua galega ou asegurando axudas para dobraxes e eventos musicais en galego.
No que ten que ver coa administración, as suxestións recibidas avogan por garantir a versión en galego dos programas informáticos, formularios ou aplicacións, usalo nas notificacións oficiais, ou incidir na formación do persoal. O mesmo sucede no ámbito económico ou da sanidade, apostando por establecer normas mínimas de uso do idioma e poñendo en marcha cursos de formación específica. Outra das cuestións con máis protagonismo reside na responsabilidade de transmisión da lingua no ámbito familiar e educativo, potenciando programas de lecer e conciliación en galego e aproveitando os servizos de bibliotecas para distribuír material lúdico que beneficie a lingua, ademais da actualización do recursos didácticos nos centros escolares e que se prime o uso do galego por parte do profesorado.
Comisións de expertos
En todas estas cuestións xa traballan desde hai meses os grupos de expertos nas distintas materias nas que se centran os 11 bloques establecidos para a actualización do Plan de normalización da lingua galega, que se puxeron en marcha tras as reunións da Xunta cos grupos políticos con representación parlamentaria e coas institucións galegas máis relevantes en canto á lingua e á cultura.
Neste senso, Valentín García reiterou “os grandes avances que estamos a dar neste camiño iniciado a prol da nosa lingua cunha folla de ruta que está a cumprir co calendario establecido”. Lembrou así que os grupos de traballo xa reuniron máis de mil propostas tras manter máis de 270 entrevistas con distintas entidades, asociacións, colectivos e axentes sociais.
O proceso afronta, deste xeito, a súa última fase, de maneira que cara final de ano está prevista a redacción definitiva do texto por parte da comisión técnica na que quedarán reflectidas as medidas de promoción e impulso do uso do galego nos distintos sectores e ámbitos.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua