A Xunta aproba o Nomenclátor de Galicia 2026 coa modificación de 2.531 denominacións de concellos, parroquias e lugares

Volver

Declaracións do presidente da Xunta

Rueda salienta que con esta actualización, na que se analizaron 4.398 topónimos, prodúcense cambios na denominación de 14 municipios

Resalta que o Goberno autonómico cumpre coa súa responsabilidade na salvagarda da identidade galega a través do mantemento e recuperación dos nomes históricos dos lugares que existen en Galicia

Ratifícase así a proposta presentada no mes de xullo no pleno da Comisión de Toponimia, tras a revisión do último documento de 2003

Incorpóranse 1.655 novos rexistros con respecto ao último documento, acadando un total de 42.909

O estudo, realizado polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, baséase na etimoloxía, na documentación histórica, no uso oral e escrito e na tradición gráfica

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2026

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou esta mañá de que o Consello aprobou o novo Nomenclátor de Galicia 2026, que “supón a modificación de 2.530 denominacións de concellos, parroquias e lugares”. Deste xeito, ratifícase a proposta presentada no mes de xullo no pleno da Comisión de Toponimia, o órgano asesor composto polo Goberno galego,  a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Universidade de Santiago de Compostela.

Tal e como explicou o presidente, trátanse duns cambios que chegan despois dun “exhaustivo traballo” do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega para revisar e actualizar o Nomenclátor de Galicia, elaborado en 2003.

En concreto, tras o estudo de 4.398 topónimos, decidiuse modificar os nomes oficiais de 2.335 lugares, 182 parroquias e 14 concellos. No caso dos municipios pasarán a rexistrarse da seguinte maneira: A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz do Castrodouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza. Todos os topónimos poderán consultarse no Portal da Lingua, no da Real Academia galega e en Toponimia de Galicia.

O presidente salientou que a análise feita pola Comisión de Toponimia tamén permitiu incorporar 1.655 novos nomes con respecto ao último documento elaborado en 2003, acadando así un total de 42.909 rexistros. Para realizar este traballo partiuse da base de datos do Nomenclátor de Galicia oficial de 2003 e cruzouse coa base de datos toponímica do Instituto Nacional de Estatística, coñecido como  NomenINE. Durante o proceso, revisáronse tanto cuestións lingüísticas, chegando a estudar 4.398 topónimos, como xeográfico-administrativas, referidas a problemas de localización ou categorización poboacional, con 13.788 revisións.

Rueda destacou que, con esta actualización, o Goberno autonómico cumpre coa súa responsabilidade na “salvagarda da nosa identidade a través do mantemento e recuperación dos nomes históricos dos lugares que existen en Galicia”, recuperando as formas que foron substituídas ao longo do tempo por outras formas “alleas á lingua galega”. Neste senso, os criterios a seguir baseáronse na etimoloxía, na documentación histórica, na tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos e no uso oral e escrito que fai a veciñanza do topónimo. Tamén se tivo en conta o respecto pola forma dialectal de cada lugar e, ademais, tratouse de emendar os erros detectados fundamentalmente no relacionado co uso dos artigos.

O documento chega ao Consello da Xunta tras concluír o proceso informativo, desenvolvido por unha comisión técnica nos concellos implicados, sobre as motivacións das modificacións na súa toponimia. Ademais, todos os anos estase a desenvolver un programa divulgativo en municipios, colexios, asociacións culturais e distintos centros sobre o valor cultural da toponimia e a necesidade de colaborar na súa recolleita para salvagardar a denominación dos lugares como parte fundamental da identidade galega.

Ao respecto, cómpre destacar que a implicación cidadá permitiu xeorreferenciar ata o de agora preto de 106.000 microtopónimos a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa que facilita a través dunha aplicación, tanto de maneira particular como colectiva, a achega de nomes de lugares, recollendo así a tradición oral asociada á toponimia. Neste momento temos á disposición da cidadanía un total de 545.724 topónimos galegos neste visor.

Departamento: Tema: