A Xunta apoiará a promoción do galego nas entidades locais con 350.000 €
VolverA convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia, pretende impulsar, apoiar e fomentar os servizos lingüísticos en concellos e agrupamentos
O prazo de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 7 de maio
Santiago de Compostela, 12 de abril de 2026
A Xunta de Galicia apoiará a promoción do galego nas entidades locais a través da nova liña de subvencións, publicada no Diario Oficial de Galicia, e dotada con 350.000€. Así se recolle nas bases, nas que se precisa que o obxectivo desta medida é impulsar e fomentar os servizos lingüísticos tanto en concellos como en agrupacións.
Deste xeito, a convocatoria, cuxo prazo de solicitudes estará aberto ata o 7 de maio, está dirixida a fomentar a prestación dun servizo lingüístico, ben mediante a súa creación ou a través do reforzamento dun xa existente. Así, a iniciativa responde ao compromiso do Goberno autonómico co apoio ás entidades locais no labor de normalización lingüística, en liña coas medidas incluídas no Pacto pola Lingua. Para iso, a través desta liña, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude colaborará con axudas económicas á posta en marcha e mellora dos servizos neste eido, tendo en conta que a administración local constitúe unha vía de dinamización da lingua prioritaria pola súa proximidade e o contacto mais directo coa cidadanía.
Ás axudas poden concorrer as propostas encamiñadas á creación e posta e marcha dun servizo lingüístico, habilitando deste xeito un departamento técnico inserido na entidade local co fin de planificar, xestionar, executar e avaliar medidas, accións e actividades dinamizadoras co obxectivo de incrementar o uso da lingua galega en todos os seus ámbitos de actuación, tanto a nivel interno como externo. A achega tamén será aplicable cando se trate de manter un servizo xa existente no concello dándolle continuidade ás súas iniciativas ou reforzándoo de maneira que se poida atender a necesidades como a incorporación de máis persoal técnico.
No que ten que ver cos proxectos obxecto da subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, deben ser aqueles que impliquen a realización de accións e campañas de dinamización lingüística ben en formato material, como pode ser libros, audiolibros, xogos, ou representacións artísticas, ou ben no eido dixital como as propostas baseadas en soportes electrónicos, na web ou nas redes sociais.
Cómpre lembrar que na convocatoria do pasado ano esta liña de axudas chegou a 87 concellos.