O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado polo director xeral de Cultura, inaugurou este foro que bota andar no día do 50 aniversario do seu pasamento

López Campos erixe as xornadas do ‘Abril Oteriano’ como “exemplo da vixencia e interese” polo legado cultural e intelectual do patriarca das letras

Volver

O titular de Cultura sitúa esta proposta, que conta co apoio da Xunta, como “unha das grandes citas da homenaxe que Galicia lle está a render durante este 2026”

Salienta que os estudos sobre Otero Pedrayo, que se presentan hoxe e mañá no encontro, “revelan como o seu pensamento se mantén vivo e actual”

Encadra esta iniciativa dentro da “completa e diversa” programación, perfilada coas principais entidades culturais galegas para conmemorar o ‘Ano Oteriano’

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, erixiu como “claro exemplo da vixencia e interese” polo legado cultural e intelectual de Ramón Otero Pedrayo as xornadas Abril Oteriano, que inaugurou hoxe en Santiago de Compostela, e que contan co apoio da Xunta.

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o representante do Goberno galego situou este encontro, organizado pola Fundación Otero Pedrayo, como “unha das grandes citas da homenaxe que Galicia lle está a render durante este 2026 con motivo da celebración do Ano Oteriano”. Precisamente, salientou que as xornadas, de dous días de duración, comezan no día do 50 aniversario do pasamento do intelectual ourensán, “como data tamén clave que dá orixe a efeméride”.

Ao respecto desta iniciativa, puxo en valor as investigacións que sobre a figura e obra de Otero Pedrayo se presentarán estes días, a través da participación de expertos e estudosos nunha decena de conferencias que “revelan como o seu pensamento se mantén vivo e actual”. Así, destacou a presencia nestes relatorios do debuxante e ensaísta Siro López, a quen se lle dedica este ano o Día da Ilustración, a do historiador Ramón Villares, do expresidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, do divulgador Manuel Gago, ou da filóloga Patricia Arias, entre outros especialistas no seu legado.

Neste senso, López Campos enmarcou estas xornadas dentro da “completa, diversa e excelsa programación”, perfilada coas principais entidades culturais galegas para conmemorar o Ano Oteriano, “a altura da relevancia do homenaxeado para a cultura galega contemporánea”. Precisamente, fixo fincapé en que Ramón Otero Pedrayo está considerado como “un dos piares do florecemento cultural e intelectual de Galicia”, ao tempo que o erixiu como “claro representante dunha xeración que soubo vencellar o galeguismo coa defensa da cultura universal e o compromiso coa nosa terra”.

Ao respecto, o conselleiro lembrou que estamos ante un dos fundadores do Grupo Nós e da Editorial Galaxia, da que foi o primeiro presidente, e membro das Irmandades da Fala, ademais de mestre, ensaísta, xeógrafo, novelista e político, como membro do Partido Galeguista. “En todo este amplo espectro despuntou pola súa brillantez, altos coñecementos e un importante contribución  á construción dunha Galicia, que a longo deste ano vai manter acesa a súa vixencia cun recoñecemento institucional amplo e transversal”, asegurou.

Departamento: Tema: