A Casa de Galicia en Madrid celebra o mes das Letras Galegas cunha programación repleta de música
A exposición “Cantantes Líricas Galegas dos séculos XIX e XX” será o eixo da programación do mes de maio
A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 29 de maio
Madrid, 30 de abril de 2026
A música será a gran protagonista na Casa de Galicia en Madrid durante o mes de maio. A exposición Cantantes líricas galegas dos séculos XIX e XX. Galicia, Portugal e América ocupará as salas Emilia Pardo Bazán e Álvaro Cunqueiro.
Esta mostra, patrocinada pola Secretaría Xeral da Emigración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, fai un percorrido polas voces galegas máis salientables da lírica. A coruñesa Benita Moreno, considerada a introdutora do canto rossiniano na madrileña, abre esta exposición que remata coas irmáns Ángeles Ottein e Ofelia Nieto, sopranos de gran éxito na primeira metade do século pasado.
Os profesores Francisco Javier Garbayo, da Universidade Santiago de Compostela (USC), e María del Carmen Lorenzo Vizcaíno, da Universidade Internacional da Rioxa (UNIR) , son os comisarios desta exposición que se inaugura o luns 4 de maio ás oito do serán, na que tamén participará o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e que se poderá visitar ata o vía 29.
Diálogo coa música contemporánea
A presentación do último traballo do cantante e compositor Miguel González Santervás propiciará un singular diálogo entre as cantantes líricas galegas e un dos principais expoñentes da música urbana latina feita en Galicia.
Santervás, natural de Cangas do Morrazo, presentará o xoves 7 de maio ás sete e media do serán o seu último traballo que inclúe a bachata en galego A Contra que lle dá título ao EP.
Máis música
Maio traerá máis música á programación da Casa de Galicia en Madrid. A presentación do libro El sueño inmortal de Rogelio Groba, de Javier Álvarez Vizoso, permitirá afondar na figura do recoñecido compositor de Ponteareas. . O autor afonda nesta biografía pouco convencional na figura do recoñecido compositor Ponteareas que deixou un extenso catálogo e explorou todos os xéneros musicais, promotor dos conservatorios galegos e de institución como a Sinfónica de Galicia. A presentación deste libro será o xoves 21 de maio ás sete e media do serán.
Lingua galega
No mes das letras, a Casa de Galicia tamén acollerá as probas para a obtención dos Certificados de Lingua Galega (CELGA) nos niveis 2, 3 e 4, ao tempo que continúan os Cursos de Lingua e Cultura Galegas. Os alumnos poderán afondar durante este mes na figura da escritora e xornalista Begoña Caamaño, á quen a Real Academia Galega dedica as Letras Galegas deste ano.
Begoña Caamaño é autora de dúas novelas. Escritora tardía, debuto unas letras aos 45 anos con Circe ou o pracer do azul e pouco tempo despois escribiu Morgana en Esmelle, unha novela que lle mereceu o premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2012 da Asociación Galega de Editores, entre outros recoñecementos.
A escritora foi tamén xornalista. Desenvolveu a maior parte da súa carreira na Radio Galega, formando parte do equipo do Diario Cultural.
Outras actividades
A programación da Casa de Galicia no mes de maio inclúe a presentación do Corpus Christi de Ponteareas, unha festa declarada de Interese Turístico Internacional que dará a coñecer a edición deste ano o martes 12 ao mediodía.
O mesmo 12 de maio, a Federación de Asociacións Galegas en Madrid, FAGAMA, organiza na Casa de Galicia un relatorio sobre o Xacobeo, os Camiños de Santiago e o seu significado a nivel económico impartido por Xesús Palmou, presidente de honra da Academia Xacobea que foi conselleiro da Xunta de Galicia.
A presentación dos libros Barcelona-Galicia, de Isabel García Díaz, e 1898. El padre ausente, de Alfonso de Sas Prada, completan a programación do mes de maio.
As persoas interesadas poderán coñecer a programación completa nas redes sociais da Casa de Galicia en Madrid. Amais, a renovada páxina web da institución permite subscribirse ao envío das actividades previstas.
Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude
Tema: Cultura, Lingua