O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude compareceu a petición propia na Cámara

López Campos dá conta no Parlamento de Galicia das preto de 700 medidas recollidas no Plan xeral de lingua

O responsable autonómico de Lingua debulla as principais liñas de actuación para favorecer o uso do galego entre a poboación foránea, no ámbito dixital e nas redes sociais

A renovación do documento contou coa colaboración dos máis de 130 profesionais que formaron parte das comisións e inclúe preto de 1400 achegas feitas por entidades, institucións e particulares

O texto será sometido a votación no Pleno de mañá despois da súa valoración por parte das formacións políticas

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, compareceu hoxe a petición propia no Pleno do Parlamento de Galicia para dar conta das preto de 700 medidas recollidas no novo Plan xeral de normalización da lingua galega. Fíxoo despois de que a maioría das formacións políticas con representación na Cámara galega chegasen a un acordo para enriquecer este texto froito do traballo de preto de dous anos feito por expertos con achegas de entidades, institucións e particulares.

Neste senso, o responsable autonómico de Lingua agradeceu a colaboración e implicación de todos os profesionais que participaron, baixo a coordinación do académico Manuel González, na elaboración deste documento. Así, lembrou que a proposta é froito dun proceso participativo que estivo “aberto a toda a sociedade” e que se puxo en marcha coa constitución de 11 comisións nas que participaron máis de 130 expertos. Isto complementouse coas achegas feitas por particulares, institucións e entidades a través dos máis de 400 contactos mantidos e as máis de 1.400 propostas recibidas.

“O resultado é un documento amplo e ambicioso que marcará a folla de ruta das políticas lingüísticas nos vindeiros anos”, apuntou López Campos antes de engadir que o obxectivo é “adaptar o anterior documento á nova realidade social e demográfica tendo en conta a fonda transformación que experimentou Galicia nos últimos vinte anos”. “Mudaron as formas de traballar e de socializarse, as preocupacións sociais e a maneira en que nos comunicamos”, precisou.

Tendo en conta isto, púxose en marcha o proceso para elaborar un novo documento dirixido a favorecer o uso do galego en toda a sociedade, nomeadamente, entre a poboación foránea, no ámbito dixital e nas redes sociais baixo seis grandes obxectivos. O primeiro deles, segundo precisou, céntrase na capacitación lingüística da totalidade da poboación, mentres que o segundo está dirixido a garantir que, quen o desexe, poida vivir en galego. Ao abeiro do terceiro e cuarto obxectivos procurarase elevar a implantación social e acadar unha boa transmisión interxeracional, concienciando á poboación de que a mellor maneira de preservar o galego é transmitilo e utilizalo.

O quinto obxectivo, pola súa banda, céntrase en acadar un maior recoñecemento exterior, mentres que o último deles vai dirixido a dotar a lingua galega dos recursos lingüísticos e técnicos que a capaciten para vehicular nela as necesidades da sociedade actual.

Acollida, arraigamento e transmisión xeracional

En base a isto, segundo avanzou o conselleiro, as principais liñas de actuación deste documento céntranse na acollida e no arraigamento da poboación chegada de fóra de Galicia, na problemática da transmisión xeracional ou no reforzo da presenza do galego nas plataformas e aplicacións dixitais. Neste marco, no ámbito das novas xeracións e no eido educativo, inclúense medidas para permitir que se poidan impartir materias científicas en lingua galega a través de axustes na normativa e para fomentar actividades de impulso e dinamización a través de recursos como son os programas de radio, o teatro escolar, as alternativas de conciliación ou as bibliotecas.

Por outro lado, no relativo aos sectores profesionais, as propostas inclúen a creación dun selo para establecementos que acrediten o uso do galego no tecido socioeconómico, a oferta de novos cursos específicos para persoal dos diferentes departamentos ou a creación de novos servizos lingüísticos para favorecer a comunicación na lingua propia. Así mesmo, o texto contén tamén medidas para implantar a lingua galega no novo sistema procesual da xustiza Atena e para impulsar a creación dunha Lei da Lingua e que complemente a Lei de Normalización Lingüística aprobada no ano 1983.

Outras medidas destacadas son as dirixidas a favorecer a oferta de produtos audiovisuais en lingua galega, a difundir a música en galego, a reforzar os vínculos coa lusofonía, a garantir a oferta en galego de aplicacións e videoxogos dirixidos á infancia e á mocidade e a poñer en marcha un novo Consello Asesor da Lingua Galega integrado por representantes da Xunta de Galicia, grupos parlamentarios e entidades vencelladas á  da lingua galega.

Cómpre lembrar que o documento debullado hoxe será sometido mañá a votación no Pleno, despois da súa valoración por parte das formacións políticas con representación no Parlamento de Galicia.

Imaxes relacionadas

Departamento: C. de Cultura, Lingua e Xuventude

Tema: Lingua