Xunta e Consello da Cultura presentan o foro ‘Patrimonio e Sociedade’

Volver

O foro desenvolverase no Consello da Cultura Galega entre decembro de 2019 e novembro de 2020

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2019.- Nas vésperas do Día Mundial do Patrimonio Mundial, a Xunta de Galicia e o Consello da Cultura Galega (CCG) presentaron na sede deste último organismo o Foro Patrimonio e Sociedade que se desenvolverá no Consello entre decembro deste ano e novembro de 2020.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, falou en representación da Consellería de Cultura e Turismo para indicar que “un foro como este é necesario porque nas últimas décadas se produciron moitos cambios na realidade socioeconómica galega, na relación das comunidades co patrimonio e mesmo nos procesos de patrimonialización ou no propio concepto de patrimonio cultural que deben levarnos a reflexionar sobre as estratexias de xestión deste que temos en Galicia para actualizalas se for necesario”. En particular, Valentín García incidiu en que “cada vez se fai máis patente a necesidade de buscarmos estratexias que favorezan a implicación da sociedade na conservación e protección do patrimonio”.

Canda el, interviñeron na presentación Rosario Álvarez e Rebeca Blanco, presidenta e coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, respectivamente.

Tres mesas de traballo e unhas xornadas finais

A partir de decembro de 2019, e ata o vindeiro novembro de 2020, desenvolverase o Foro Patrimonio e Sociedade organizado polo Consello da Cultura Galega co apoio da Consellería de Cultura e Turismo. Trátase dun ciclo que incluirá tres grandes debates en torno a tres mesas de traballo: Patrimonio, políticas públicas e normativa legal, Xestión patrimonial: conservación, protección e promoción-difusión do patrimonio cultural e Patrimonio, educación, formación e cidadanía. As ditas mesas estarán coordinadas, respectivamente, por Teresa Nieto e Cristina Sánchez-Carretero, Iago Seara e Carlos Nárdiz e Juan Monterroso e Rebeca Blanco Rotea. O resto dos participantes nas mesas representarán aqueles sectores que, dun xeito ou doutro, están implicados na xestión, formación, conservación, administración, investigación e divulgación do patrimonio e dos bens culturais en Galicia, así como por colectivos da cidadanía que están en relación co patrimonio.

Cada mesa terá ao longo do ano diferentes reunións e, ao finalizar o seu traballo, deberá entregar un documento de conclusións consensuado entre todos os participantes. Finalizado este labor, está previsto que se celebren unhas xornadas de peche en que se presentarán as ditas conclusións e se debaterá sobre as ideas principais recollidas nas tres mesas.
 

Departamento: Tema: Lingua