O noveno número da revista ‘Olga’ réndelle tributo á poesía estradense co apoio da Xunta

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou os autores Vicente Araguas e Manuel Pereira, na presentación do último volume da publicación

A Estrada (Pontevedra), 10 de setembro de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, participou esta tarde na Estrada na presentación da novena edición de Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid. Baixo o título A Estrada poética, esta última edición da revista -que conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade- réndelle tributo aos escritores e escritoras estradenses que contribuíron e contribúen ao quefacer literario e poético do concello pontevedrés, en concreto, e de Galicia enteira, en xeral.

“A importancia da literatura galega nas terras da Estrada queda patente coa dedicación por parte da revista Olga dun monográfico para poetas desta terra que publican na nosa lingua”, destacou o representante da Xunta . “Trátase -engadiu- dun importante logro para a poesía feita na nosa lingua nun lugar de tanta referencia literaria como é A Estrada cun alcance que vai máis alá do sistema literario galego pola súa proxección desde o importante colectivo poético galego en Madrid”.

No acto de presentación, que tivo lugar no Teatro Principal, tamén participaron o director da revista, Vicente Araguas; o secretario desta, Manuel Pereira Valcárcel, e o rexedor municipal, José López. As intervencións estiveron acompañadas, ademais, pola colaboración musical do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso e polos recitais de varios dos poetas participantes na revista.

Proxección

Olga. Revista de Poesía Galega en Madrid naceu en abril de 2016 no marco das tertulias literarias iniciadas polo grupo Bilbao no café Comercial en Madrid co obxectivo de visibilizar a poesía galega feita na capital. A idea, proposta polo editor e escritor Sabino Torres, quen morreu antes de chegar a ver impreso o seu primeiro número, foi apoiada polos seus compañeiros Vicente Araguas, Rafael Yáñez e Manuel Pereira, actuais responsables da revista.

No seu noveno número, a revista realiza un percorrido histórico pola poesía escrita da Estrada que vai desde os trobeiros de Tabeirós ata as voces máis contemporáneas. En total, 19 poetas e nove artistas da fotografía enchen as páxinas deste número que conta, asemade, con tres ensaios sobre a literatura medieval, a literatura estradense e a poesía estradense asinados por Mercedes Brea, Carlos Loureiro e María Xesús Nogueira.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua