A Xunta colabora nunha edición bilingüe e ilustrada do poeta francés Arthur Rimbaud

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participou hoxe na presentación do libro Arthur Rimbaud. Iluminacións & Unha tempada no inferno e na inauguración da exposición homónima, composta polas ilustracións que acompañan o volume

Ribeira (A Coruña), 22 de outubro de 2021.- O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, asistiu este serán á presentación do libro ArthurRimbaud. Iluminacións & Unha tempada no inferno, un traballo dos creadores Manuel Cartea, artífice da tradución e das notas, e Manuel Teira, a cargo das ilustracións que acompañan o libro e que se se expoñen, a partir de hoxe, no Museo do Gravado de Artes, en Ribeira.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, que colabora na edición deste libro xunto coa Asociación Cultural Barbantia, saudou “con alegría esta nova incorporación dun clásico da literatura universal contemporánea ao galego” e quixo “poñer en valor o papel das tradutoras e dos tradutores na internacionalización da lingua propia de Galicia, divulgando a nosa literatura noutros idiomas e facendo accesible na nosa fala o mellor do producido noutras latitudes”.
Canda Valentín García tamén asistiron ao acto, que acolleu o Museo do Gravado de Artes, Xesús Laíño, representante da A.C. Barbantia; o alcalde de Ribeira Manuel Ruíz Rivas e Javier Expósito Paradela, ambos os dous en representación da Fundación Museo de Artes, e o tradutor e o ilustrador do libro.

Poesía e arte nun mesmo libro

ArthurRimbaud. Iluminacións & Unha tempada no inferno preséntase nunha edición bilingüe de 300 exemplares, recollidos cada un deles nun estoxo de madeira serigrafada que contén as dúas últimas obra firmadas polo poeta francés antes de abandonar de forma prematura a escrita cando só contaba 20 anos. A través da poesía en prosa que enche as páxinas de Unha tempada no inferno (1873), os lectores poderán afondar nos dramas e rebeldías da vida do autor que conta, a modo de autobiografía, as súas vivencias persoais e amorosas. Porén, en Iluminacións (1874), a derradeira obra do francés, atoparán unha poesía diferente, próxima ao surrealismo, derivado dos aspectos soñadores dos seus poemas, en que se proxectan sucesivos universos.

Partindo destas dúas pezas, traducidas ao galego por Manuel Cartea, o artista pobrense Manuel Teira elaborou 35 ilustracións, 12 das cales foron incorporadas ao libro asinadas e numeradas polo artista. O total dos debuxos poderá desfrutarse na exposición que a partir de hoxe queda a disposición do público no Museo do Gravado de Ribeira.
Manuel Cartea, coñecido profesionalmente como Eme Cartea, é diplomado en Contabilidade, licenciado en Filoloxía Románica, catedrático de francés no IES nº1 de Ribeira e presidente da A.C. Barbantia, entre outras ocupacións. Tradutor dos grandes


autores galos dos séculos XIX e XX, ten diversos traballos de ensaio, creación e poesía en diferentes publicacións así como participacións en obras colectivas e un poemario, Poemas equinos, inspirado nos cadros de Paola García.
Pola súa banda, Manuel Teira está vinculado ás vangardas artísticas e proxectos culturais dende ben novo. Poeta, colaborador da revista universitaria Dorna, autor do poemario Detido nos Confíns, colaborador en distintos colectivos e, sobre todo, pintor e escultor con numerosas exposicións ás súas costas en Galicia, España e a nivel internacional.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua