A Xunta recorre a resolución do Instituto Xeográfico Nacional respecto ao topónimo da Ría de Ribadeo

Volver

O Goberno galego presenta un recurso de alzada ante o Ministerio de Transportes logo de que outorgase ao topónimo Ría del Eo o mesmo nivel de oficialidade

Apoian esta designación toponímica diferentes entidades como a RAG, o Consello da Cultura Galega, o Grupo ANTE da USC, a Deputación Provincial de Lugo ou o Concello de Ribadeo

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2023 A Xunta de Galicia vén de recorrer a decisión do Instituto Geográfico Nacional (IGN) sobre a denominación oficial da ría de Ribadeo. O Goberno galego presenta un recurso de alzada ante o Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana logo de que outorgase ao topónimo Ría del Eo carácter de nome alternativo, o que supón o mesmo nivel de oficialidade e uso que Ría de Ribadeo. Iso, tal e como se recolle no recurso, vulnera, segundo a interpretación do Goberno galego e da Comisión de Toponimia de Galicia, a normativa reguladora da determinación dos topónimos oficiais.

Por tal motivo, e partindo da incorrección xeográfica e semántica que supón o topónimo Ría del Eo, cuxa grafía ademais non sería aceptable en galego, a Xunta pretende facer valer a opción tecnicamente correcta, que pasaría por manter a forma Ría de Ribadeo como a única oficial para denominar a ría na que desemboca o río Eo, deixando a outra opción como unha variante.

A posición da Xunta conta co respaldo de diferentes entidades como a RAG, o Consello da Cultura Galega, o Grupo ANTE de Investigación de Análise Territorial da USC, a Deputación Provincial de Lugo ou o Concello de Ribadeo. Ademais, baséase en cuestións como o argumento do Principado de Asturias para esixir o uso da forma Ría del Eo, asentado no carácter tradicional por un uso maioritario desta forma na marxe asturiana da ría desde 2007. Trátase, tal e como se recolle no escrito, dun argumento que non chegou a consenso entre os membros da Comisión Especializada de Nombres Geográficos (CENG), o órgano encargado de ditar un informe técnico que sirva de guía para a decisión, tal e como reflicte o voto particular contrario á decisión que emitiu o membro representante da Real Sociedad Geográfica.

Non vinculación á rede hidrográfica

Cómpre destacar que a Comisión de Nombres Geográficos y Cambios de Denominación da Real Sociedad recolle no seu informe que, desde un punto de vista xeográfico, non ten lugar un cambio de denominación, considerando que unha ría constitúe unha entidade xeográfica resultado dunha elevación do mar con respecto á terra e que en ningún caso está vinculada na súa orixe á rede hidrográfica existente.

Deste xeito, unha ría non pode estar adscrita, en ningún caso, a un río que desemboque nela, o que implicaría a incorrección da forma Ría del Eo. Ademais, e seguindo este razoamento, é importante destacar que nesta ría desembocan outros tres ríos -Suarón, Monxardín e Grande- polo que incluír na denominación da ría a mención a só un deles resultaría contrario á realidade xeográfica desta, tal e como se recolle nun dos puntos que destaca a Xunta nas súas argumentacións.

Erro conceptual nas fontes toponímicas e cartográficas

Dito informe engade, ademais, que xa existindo un topónimo semanticamente correcto utilizado como único identificador xeográfico oficial de referencia, non parece axeitado incorporar un erro conceptual nas fontes toponímicas e cartográficas, nas que xa unicamente figuraba ría de Ribadeo, por moito que o seu uso sexa maioritario dun lado da ría. Esta “tradición”, usada como argumento polo Goberno asturiano, é un concepto xurídico indeterminado que non pode vincularse simplemente a un grao de uso e de maior difusión social a partir dunha data recente como consecuencia, precisamente, da reivindicación que fai o Principado de Asturias.

Deste xeito, e ao constatarse a ausencia de consenso unánime no seo da CENG, debe favorecerse o criterio técnico e científico que recoñecería a forma establecida como preferente ata o momento, é dicir, a forma Ría de Ribadeo.

Recomendación das Nacións Unidas

Ademais dos razoamentos expostos, a Xunta apoia a súa posición noutros aspectos como a recomendación das Nacións Unidas sobre a normalización dos nomes xeográficos, que pretende lograr unha forma única para cada nome da Terra; no informe da Real Sociedad Geográfica polo que se considera que as denominacións das rías, por tradición xeográfica e cartográfica, coinciden co topónimo do núcleo de poboación máis importante asentado ás marxes ou proximidades desta, ou na gran cantidade de documentación histórica achegada sobre a antigüidade e o predominio do topónimo Ría de Ribadeo, xeneralizada en toda a cartografía hidrográfica, topográfica, atlas e publicacións xeográficas.

Xa por último, o Goberno galego considera errónea a crenza de que os topónimos son asunto dunha convención ou acordo entre as partes, o cal só se explicaría desde o descoñecemento ou desvalorización da súa dimensión patrimonial. Sería un erro pensar que o topónimo Ría de Ribadeo supón algún tipo de preeminencia para Ribadeo ou para Galicia ou, mesmo, unha negación da súa condición tan asturiana como galega.

 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Administración pública, Cultura, Lingua