A Xunta promove o gusto da cativada polo cinema cunha edición de Pequefilmes na que se proxectarán no Gaiás 65 curtas dunha vintena de países

Volver

Haberá dúas seccións por idades: ‘Vagalumes’, dirixida a nenas e nenos de 0 a 3 anos e ‘Vacalouras’, para maiores de 4 anos

As curtas poderán verse na Cidade da Cultura e en liña, a través da plataforma Festhome, na fin de semana do 28 e 29 de xaneiro

Pequefilmes 2023 conta coa colaboración do IndieJúnior Porto, festival convidado nesta edición con dous programas especiais, ademais dunha escolma do Clermont-Ferrand e do patrocino de Gadis

O festival recupera os obradoiros de cinema para a cativada, que aprenderá a técnica de animación ‘go motion’ a través da rodaxe dunha peza da que serán protagonistas

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2023 A Cidade da Cultura volve acoller en xaneiro unha selección do mellor cine dirixido ao público miúdo máis esixente coa sétima edición de Pequefilmes. O festival internacional de curtametraxes infantís proxectará no Gaiás un total de 65 obras, procedentes dunha vintena de países, na fin de semana do 28 e 29 de xaneiro.

Con Pequefilmes, a Xunta consolida a súa aposta por ofrecer contidos audiovisuais de calidade desde idades temperás, fomentado o gusto polo cinema e o espírito crítico das nenas e nenos, que son os encargados de elixir cos seus votos as tres mellores curtametraxes que serán premiadas no festival.

Nesta sétima edición, as proxeccións distribúense en dúas seccións por idades: Vagalumes, para as pequenas e pequenos de 0 a 3 anos de idade, e Vacalouras, para maiores de 4 anos. As proxeccións serán na Biblioteca de Galicia e as entradas poden adquirise xa en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás, a un prezo de 3 euros por sesión. A sección Vacalouras poderá verse tamén en liña a través da plataforma Festhome na mesma fin de semana do festival, para facilitar que público de todo o país goce da programación.

Entre as curtas que se poderán ver no Gaiás hai pezas seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes do mundo, como a francesa The soloist, distinguida na última edición do Festival Clermont-Ferrand e no Stuttgart Trickfilm Film Festival, ou a británica Cat & Moth, premiada en festivais de Asia, Reino Unido, Canadá, Francia e Chipre, entre outros.  Mora Mora e The turnip, gañadoras nos Indie Cinema Awards, ou a norueguesa I’m not afraid, premio do público no Heilbronner Kinderfilmfest e mención especial no Festival Ojo de Pescado en Chile, son outras das cintas destacadas que compiten nesta edición.

Ademais, un total de 13 curtas españolas participan en Pequefilmes 2023, como El sueño de Quino, inspirada nas viñetas do creador de Mafalda ou Cole Krsuá, filme de stop motion, dirixido por David Castro e escrito por el e Mario Larrá xunto con tres nenos.

Obradoiros de animación

Pequefilmes recupera logo de dous anos os obradoiros de cinema para a cativada, unha das actividades máis demandadas polas familias. Nesta ocasión, as pequenas e pequenos a partir de 5 anos aprenderán en que consiste a animación go motion coa rodaxe dunha peza na que serán os protagonistas. Esta técnica, baseada no fenómeno da persistencia retiniana que deu orixe ao cinema, baséase en fotografar modelos en movemento para despois animalos empregando diferentes frecuencias de fotogramas.

O cineasta e guionista Marcos Nine, responsable de pezas como Radiografía dun autor de tebeos, director artístico do festival Cinema Crianza e programador da sección infantil da Mostra de Cinema Etnográfico MICE Petís, será o encargado de impartir os obradoiros os días 28 e 29 de xaneiro de 2023.

Para participar nos obradoiros é necesario mercar unha entrada (3 euros mais gastos de xestión) que inclúe tanto á nena ou neno como a unha persoa adulta que deberá acompañalo durante a actividade.  Poden adquirise de maneira anticipada en Ataquilla e no Museo Centro Gaiás, ou na billeteira da Biblioteca de Galicia no mesmo día de cada obradoiro.

Colaboracións internacionais

Co obxectivo de apuntalar a súa difusión e crecemento internacional, o festival infantil de curtametraxes da Cidade da Cultura inicia en 2023 unha nova colaboración co IndieJúnior do Porto. Como convidado nesta edición, o IndieJúnior programa no Gaiás dúas sesións coas curtas máis destacadas proxectadas nos últimos tres anos na cita portuguesa, unha das máis importantes de Europa dedicada ás novas audiencias.

Esta nova alianza súmase á que Pequefilmes mantén desde os seus inicios co Clermont-Ferrand, que permite traer a Galicia unha escolma das mellores curtametraxes que pasaron por este prestixioso festival.  Ambos programas especiais —IndieJúnior e Clermont-Ferrand— son de balde previa retirada de entrada en Ataquilla, no Museo Gaiás ou o mesmo día das proxeccións na Biblioteca de Galicia. O festival conta tamén coa colaboración de GADIS, que patrocina un dos premios do público que outorga o festival.

 

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua