Convocadas máis de 1000 prazas nos cursos preparatorios para obter os certificados de lingua galega

Volver

En total ofértanse 35 cursos titorizados -9 presenciais e 26 en liña- preparatorios das probas para obter os niveis Celga 2, 3 e 4


As solicitudes presentaranse a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística entre o 13 de febreiro e o 3 de marzo mentres que os cursos se impartirán do 20 do marzo ao 11 de maio


A Consellería de Cultura tamén ofrece cursos Celga de autoaprendizaxe nos catro niveis aos que a cidadanía pode acceder libremente sen límite de prazas nin prazos de impartición no Portal da Lingua Galega
 

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2023  O plan de formación en lingua galega da Xunta de Galicia continúa a súa aposta por combinar a preparación presencial e en liña para chegar a calquera lugar facilitando, deste xeito, o acceso ao coñecemento do galego a todas aquelas persoas interesadas en preparar as probas que certifican a competencia nesta lingua. Así se recolle hoxe na resolución da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que publican o Diario Oficial de Galicia (DOG) e o Portal da Lingua Galega pola que se anuncia, con carácter voluntario e gratuíto, a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega, Celga 2, Celga 3 e Celga 4.

 

En total, a Goberno galego convoca 35 cursos titorizados -9 presenciais e 26 en liña- preparatorios das probas para a obtención dos certificados en lingua galega Celga 2, 3 e 4, o que supón máis de 1000 prazas totais. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes de inscrición, tanto de cursos presenciais como en liña, a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral de Política Lingüística entre o 13 de febreiro e o 3 de marzo. Cada persoa só poderá inscribirse nun único curso.

 

No caso de que algún dos cursos teña máis solicitantes ca prazas, a asignación destas será por sorteo e nunca por orde de entrada de solicitudes. O dito sorteo realizarase en acto público o día 10 de marzo, ás 12 h, no salón de actos da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en Santiago de Compostela. O resultado será publicado no Portal da Lingua Galega.

 

Cada curso terá unha duración de 70 horas e as datas de realización destes van do 20 de marzo ao 11 de maio. Os presenciais terán lugar en distintos centros de ensino das sete cidades galegas mentres que os impartidos en liña se realizarán a través da plataforma de teleformación de Política Lingüística.

 

Os cursos teñen carácter gratuíto e non xeran por si mesmos dereito a ningún tipo de certificación, pois están destinados á preparación das probas conducentes á obtención dos certificados de lingua galega Celga.

 

A maiores deste cursos titorizados, a Secretaría Xeral de Política Lingüística tamén ofrece a través da súa plataforma de teleformación cursos Celga de autoaprendizaxe nos seus catro niveis, aos que a cidadanía pode acceder libremente en calquera momento, pois non están suxeitos a límites de prazas nin a datas de impartición. Estes cursos inclúen exercicios de léxico, gramática e comprensión e expresión oral e escrita, con actividades nas que o propio alumnado pode comprobar os seus progresos e consultar as respostas. Grazas a estes cursos de autoaprendizaxe, cuxa oferta se iniciou en 2021 co Celga 1, continuou en 2022 co Celga 2 e Celga 4 e se completou no presente ano co Celga 3, formáronse ata o de agora máis de 7000 persoas.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Lingua