Preto de 150 estudantes participan no primeiro Encontro Lusófono organizado polo Instituto IES Alfredo Brañas de Carballo

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participa nesta xornada promovida ao abeiro da Lei Paz Andrade para impulsar os vínculos coa lusofonía

Sinala que esta proposta piloto “pode servir de modelo para que outros centros galegos a incorporen no seu currículo didáctico”

Os músicos Uxía e Sérgio Tannus e o promotor cultural Vítor Belho relataron as principais iniciativas realizadas arredor da lusofonía en Galicia

Carballo (A Coruña), 4 de maio 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá no primeiro Encontro Lusófono promovido desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e os departamentos de Lingua galega e literatura, así como de Xeografía e Historia, do Instituto IES Alfredo Brañas de Carballo coa colaboración da Xunta de Galicia. O obxectivo desta xornada, na que participaron preto de 150 estudantes de 3º da ESO e 1º de Bacharelato, é incidir nas vantaxes que para a lingua galega ten o portugués, así como poñer en valor a orixe común e proximidade lingüística, social e cultural dos idiomas falados ás dúas beiras do Miño.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo agradecer, en primeiro lugar, “o traballo realizado por todo o profesorado do instituto, que xa foi pioneiro no seu momento neste campo incluíndose entre os centros dependentes de Educación que ofrecen portugués como lingua estranxeira en todos os niveis de secundaria e de bacharelato”.

 

Respecto ao encontro, Valentín García sinalou que pode servir “de modelo para que outros centros galegos o incorporen no seu currículo didáctico, amosando de modo lúdico e didáctico o instrumento tan poderoso que é a lingua galega no mundo lusófono, que conta con 260 millóns de falantes”.

 

Máis iniciativas

Nesta actividade, a cantora Uxía, o músico brasi-galego Sérgio Tannus e o promotor cultural galego Vítor Belho, responsable de Nordesía Producións, deron a coñecer de primeira man as principais iniciativas que se desenvolven en Galicia arredor da lusofonía e da promoción do uso do galego neste ámbito, tales como Cantos na Maré, Ari[t]mar, a Semana de Convergências Portugal-Galiza, entre outras.

 

Con este encontro, que desenvolve desde o ámbito do ensino as directrices da Lei 1/2014, do 24 de marzo, para o aproveitamento do portugués e vínculos coa lusofonía, coñecida como Lei Paz Andrade, o centro pretende completar os contidos curriculares vistos nas aulas durante este curso escolar.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Educación, Xuventude, Cultura, Lingua