Román Rodríguez avanza no Parlamento as tres primeiras ferramentas do Proxecto Nós xa dispoñibles para situar ao galego na vanguarda tecnolóxica

Volver

Son un tradutor con tecnoloxía neuronal, a primeira aplicación que entende o galego oral e o converte a texto e outra que a partir dun texto é quen de ler en galego
 

Un dos primeiros usos xa se pode ver no spot das Letras Galegas da Xunta que amosa a primeira locución da historia en galego xerada con redes neuronais
 

Todas poñeranse en aberto proximamente e de xeito gratuíto para calquera persoa, empresa ou proxecto que as precise ou desexe empregar
 

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia a posta en marcha das tres primeiras medidas do Proxecto Nós, a iniciativa que permite incorporar o galego ás novas linguaxes dixitais e que xa ten rematadas as tres primeiras ferramentas. Trátase de utilidades que estarán dispoñibles en aberto nun breve prazo de tempo para que calquera persoa, empresa ou proxecto as poida usar de xeito gratuíto. 

O titular de Cultura da Xunta referiuse, en concreto, ao tradutor de galego con tecnoloxía neuronal que xa está rematado e “supera a calquera outro que existira ata agora” e tamén avanzou que xa está lista a primeira tecnoloxía que entende o galego oral e o converte a texto e outra que, a partir dun texto, é quen de ler en lingua galega.

Avanzou, ademais, que algunhas das primeiras aplicacións destas tecnoloxías do Proxecto Nós xa se poden ver no spot institucional da Xunta de Galicia das Letras galegas 2023, onde se amosa a primeira locución da historia en lingua galega creada con redes neuronais. “A incorporación do galego ás novas linguaxes dixitais é unha realidade cada vez máis presente e estas tres primeiras ferramentas permitirán seguir avanzando para que forme parte nos novos usos tecnolóxicos, ao mesmo nivel que as grandes linguas do mundo”, indicou Román Rodríguez.  

Uso na mocidade

O Proxecto Nós, impulsado pola Xunta de Galicia, foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua e, como engadiu, “supón o salto decidido do galego ao mundo dixital e permitirá, do mesmo xeito, potenciar o seu uso entre a mocidade”, indica.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Educación, Lingua