A Xunta abre o prazo para apoiar os equipos de dinamización da lingua galega nos centros de ensino

Volver

O DOG publica a convocatoria cuxa solicitudes deberán presentarse entre mañá, 16 de xaneiro, e o 15 de febreiro a través da sede electrónica da Xunta

Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as convocatorias de axudas para proxectos de fomento do uso da lingua galega nos centros de ensino regrado non universitario para o curso escolar 2023/24 cunha dotación económica conxunta de 385.000€.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades convoca cada ano esta liña de axudas co fin de contribuír a financiar as actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado dos centros da nosa Comunidade. Con estas accións, o Goberno autonómico busca reforzar a dimensión comunicativa do galego en contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta escolar que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.

Os centros interesados deberán presentar as solicitudes entre o 16 de xaneiro e o 15 de febreiro a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. A solicitude deberá ir acompañada dunha copia do proxecto e un cadro resumo das actividades previstas e, no caso das subvencións para centros privados, da documentación fidedigna acreditativa da representación. O financiamento máximo que poderá recibir cada centro será de 1.000 euros no caso dos públicos cunha matrícula superior a 35 estudantes e dos privados cunha matrícula superior a 50.

Puntuación en base a variables

Os proxectos que resulten admitidos cualificaranse tendo en conta, fundamentalmente, a súa calidade, que será puntuada de 0 a 24 en función das seguintes variables: grao de implicación activa dos membros da comunidade educativa, nivel de utilización das novas tecnoloxías, grao de colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, grao de colaboración con outros centros educativos, realización de actividades plurianuais e tipoloxía de actividades organizadas ao longo do curso.

O número de estudantes do centro tamén se ponderará para os efectos de cualificación do proxecto, de maneira que se concederán 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción ata un máximo de 6 puntos.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Educación, Lingua