A Xunta salienta o éxito das mulleres no ámbito literario na entrega do XXVII Premio San Clemente de Narrativa

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística e o director xeral de Centros e Recursos Humanos asisten á cerimonia de entrega destes galardóns impulsados polo IES Rosalía de Castro

Sica Romero recolleu o premio na categoría de lingua galega e Brenda Navarro e Nell Leyshon na de lingua castelá e lingua estranxeira, respectivamente
 

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2024 O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, asistiron este serán á cerimonia de entrega do XXVII Premio de narrativa Arcebispo Juan de San Clemente, impulsado polo IES Rosalía de Castro co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades co obxectivo de promover o ámbito lector entre a rapazada, así como a riqueza de coñecer varias linguas.

Durante a entrega, os representantes autonómicos destacaron o feito de que as gañadoras das tres categorías sexan mulleres, “o cal é unha mostra máis do enorme talento feminino no ámbito literario e creativo”. Na modalidade de novela en lingua galega recolleu o premio a escritora de Carnota Sica Romero, galardoada pola obra Avelaíñas eléctricas. Pola súa parte, nas categorías de literatura en linguas castelá e estranxeira recibiron cadanseu premio a mexicana Brenda Navarro, por Ceniza en la boca, e a británica Nell Leyshon, por La escuela de canto.

Ademais, a cerimonia, que estivo conducida por varios alumnos dos distintos centros que participaron como membros do xurado, foi amenizada cunha actuación do coro do instituto compostelán e cunha representación dunha pequena peza teatral creada especialmente para a ocasión, con varias referencias ás tres obras vencedoras.

Xurado adolescente

A peculiaridade deste premio reside no protagonismo que se lle concede ao xurado, composto cada ano polo alumnado de Bacharelato do Instituto Rosalía de Castro e de varios institutos máis de Galicia e de fóra da Comunidade Autónoma. Este ano participaron, acompañando os estudantes do instituto santiagués, rapaces e rapazas do IES Eduardo Pondal, tamén de Santiago; do IES Laxeiro, de Lalín (Pontevedra); do IES Lagoa de Antela, de Xinzo de Limia (Ourense); do IES Terra do Xallas, de Santa Comba (A Coruña); do IES da Terra Chá José Trapero Pardo, de Castro de Rei (Lugo); do IES Ramiro de Maeztu, en Madrid; do Lycée Saint François Xavier de Vannes (Francia) e do Grimmelsahusen Gymnasium de Gelhausen (Alemaña).

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua