Volver

Xornadas ‘Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela’

Obradoiro teatral, obradoiros de escrita, relatorios e outras actividades que tratarán os lazos entre literatura e Compostela.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación das xornadas ‘Palabra e imaxe ou xeitos de narrar Compostela’, evento organizado por Daniel Chapela, estudante da Universidade de Santiago de Compostela, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, da USC e do Consello do Estudantado da Universidade.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destacou “a relevancia de contar con actividades que tenden pontes interxeracionais, con voces moi consolidadas do panorama actual e con mozos e mozas galegas que están a dar os seus primeiros pasos no eido cultural”. Ademais, quixo poñer en valor que “da man dunha programación moi variada e coral, contribúese a promover o galego entre as novas xeracións e a fomentar proxectos do estudantado universitario, ou sexa, das persoas que tomarán a palabra en poucos anos na nosa sociedade”, sinalando tamén que “varias das actividades destas xornadas van ter lugar ao aire libre, contribuíndo a sacar a cultura á rúa e a fomentar o seu consumo por parte da cidadanía e do estudantado”.

Xunto a Valentín García, na rolda de prensa que tivo lugar no Salón Teatro participaron a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, o director do CDG, Fran Núñez, o tesoureiro do Consello do Estudantado da USC, Francisco Morales, o organizador das xornadas, Daniel Chapela, e a creadora do cartel, Beatriz Pereira.

A través de tres obras de referencia

O Salón Teatro, o Babylon Garden, as escaleiras de Historia, a praza das Pratarías e o conxunto da zona vella serán testemuña dunhas xornadas que integran 16 actividades e máis de 20 participantes, nas que se abordarán os lazos entre literatura e Compostela a través de tres obras vertebradoras: Trece badaladas de Suso de Toro, Doentes de Roberto Vidal Bolaño e Seis poemas galegos de Federico García Lorca. En palabras do organizador, “é unha homenaxe literaria a obras e figuras cun forte impacto na cidade, tendo en Vidal Bolaño e na súa pulsión teatral o mellor exemplo”. Así, sinalou que a “xoia da coroa” será un obradoiro teatral con fragmentos da obra teatral de Bolaño a cargo de Mónica Camaño e Zé Paredes, que terá lugar no Salón Teatro o venres en horario de 17 a 20 horas, o sábado de 10 a 20 horas e o domingo de 10 a 19 horas. Esta actividade, ademais, enlaza co propio peche das xornadas, un ensaio aberto ao público no Salón Teatro.

Ademais, realizaranse tres obradoiros de escrita en relación ás tres obras, coordinados por Anna R. Figueiredo, Vanesa Sotelo e Míriam Ferradáns, relatorios a cargo de Dolores Vilavedra, Malores Villanueva e Miguel García-Fernández, unha mesa redonda con Inma López Silva e Afonso Becerra, rutas literarias con Roi Vidal Ponte e Lito Vila Baleato, un recital con Marilar Aleixandre, Iria Pinheiro, Ana Lorenzo e Daniel Chapela, proxeccións de cine con coloquios, unha presentación con Henrique Alvarellos e Andrea Valle e un concerto do grupo Algarada.

As actividades, que son de balde, requiren inscrición previa no caso do obradoiro teatral –antes do martes 26 ás 23h, remitindo unha fotografía e mais, de habela, experiencia– e dos obradoiros de escrita e rutas –o prazo remata o xoves 28 ás 23 horas–.