Volver

Simposio Xosé Luís Pensado. 100 anos (1924 – 2024)

Unha xornada, o 15 de marzo de 2024, dedicada a conmemorar o centenario do nacemento do filólogo Xosé Luís Pensado Tomé (Negreira, 1924 - Salamanca, 2000), catedrático de Filoloxía Románica e Filoloxía Galaico-Portuguesa na Universidade de Salamanca. A través de varias conferencias vaise tratar da vida, obra e achegas deste significado lingüista, que tanto ten aportado ao mellor coñecemento da lingua galega.

As disertacións estarán a cargo dun grupo de docentes universitarios galegos e de especialistas relacionados coa figura de Xosé Luís Pensado, que será obxecto de análise e recoñecemento.

O ciclo é aberto á asistencia libre, mais tamén vai dirixido dun modo especial ao profesorado interesado no tema, e esencialmente a quen imparta contidos de Lingua e Literatura Galegas en Primaria, na ESO ou no Bacharelato. Para o profesorado haberá un certificado de asistencia de 8 horas (CAFI).

Son un total de seis conferencias. Nelas trataranse, ademais da vida e obra do homenaxeado, aspectos como a súa meritoria contribución aos estudos do P. Sarmiento, as ideas sobre a Gheada, a súa destacada presenza no ámbito universitario (Madrid, Oviedo, Salamanca) e en relación con institucións como a Real Academia Galega e a USC.

Nas charlas estarán presentes as referencias ás contribucións bibliográficas do profesor Pensado Tomé nos eidos dos estudos lingüísticos e literarios, con especial atención ás súas especialidades e produción académica.