Volver

Seminario Investigación e crítica na LIX (2004 - 2024)

Promovido pola Rede LIJMI conxuntamente co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH).

Neste ano 2024 celébrase o vinte aniversario da creación da Rede Temática de Investigación “Las Literaturas Infantiles y Juveniles del Marco Ibérico e Iberoamericano” (LIJMI). Naquel momento formouse con investigadores dos ámbitos ibéricos: castelán, catalán, galego, portugués e vasco. A partir do 2007, foi ampliada aos ámbitos iberoamericanos.

Para complementar o Informe sobre docencia, investigación e crítica que se realizou no ano 2007 e facer unha análise comparativa coa evolución experimentada desde ese ano ao 2024, a Rede LIJMI convoca este Seminario/Workshop internacional conxuntamente co Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), no marco do Proxecto “Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil” que se leva a cabo neste centro, dirixido por Marta Neira Rodríguez, e co grupo de investigación LITER21 (GI-1839). Literatura Infantil e Xuvenil. Investigacións literarias, artísticas, interculturais e educativas. Literatura galega (Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela), coordinado por Carmen Franco Vázquez. Conta co apoio da Facultade de Ciencias da Educación e o Instituto de Ciencias da Educación (ICE), da Universidade de Santiago de Compostela, do CIEC, da Universidade do Minho, do CIDEHUS, da Universidade de Évora, e das asociacións ELOS (Asociación Galego-Portuguesa de Investigación en Literatura Infantil e X/Juvenil), presidida por Armando Requeixo; ANILIJ (Asociación Nacional de Literatura Infantil y Juvenil), presidida por Beatriz Rodríguez Rodríguez, e por GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), presidida por David Cortizo Conde.

Secretariado: Juan Luís Lorenzo, Sofía Malvido e Marinha Paradelo (CRPIH).

Comité Organizador: Carmen Franco-Vázquez, Rocío G-Pedreira, Marta Neira Rodríguez, Armando Requeixo e Blanca-Ana Roig Rechou (Universidade de Santiago. CRPIH) e Carmen Ferreira Boo (Universidade da Coruña. CRPIH).

Data e lugar de celebración: Días 14 e 15 marzo de 2024. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (San Roque, n.º 2, Santiago de Compostela).