Resolución da convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística 2024-2025
Resolución da Convocatoria de participación nos proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional durante o curso académico 2024-2025.
A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa resolveron a convocatoria de participación nos proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional durante o curso académico 2024/2025, na cal se establecen as bases reguladoras para realizalos.
Seleccionáronse os seguintes proxectos, aos que se lles recoñece a consideración de excelentes:
| Proxecto | Centro | Concello | Provincia |
| Música e poesía: movendo a lingua | CMUS Profesional Xoán Montes + EOI de Lugo | Lugo | Lugo |
| VERSoamos | IES Coruxo + CEIPP Ría de Vigo + CMUS Profesional de Vigo | Vigo | Pontevedra |
| Gif menú: que vai ser? | IES de Sanxenxo | Sanxenxo | Pontevedra |
| Somos diferentes, somos referentes | IES do Milladoiro | Ames | A Coruña |
| Escollemos galego | IES San Clemente | Santiago de Compostela | A Coruña |
Cada un destes cinco proxectos recibirá unha dotación económica de 2.000 € para o centro ou centros. O profesorado implicado activamente no seu desenvolvemento recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante, alén da súa difusión a través da rede e da páxina web da Secretaría Xeral da Lingua.
Convocatoria
Os centros públicos admitidos no programa Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, no marco do Plan Proxecta+, teñen a obriga de participar. Tamén se poderán presentar os demais centros docentes de titularidade pública da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse cinco proxectos, que terán a consideración de excelentes; cada un deles recibirá unha dotación económica de 2 000 euros. Poderán concederse dúas mencións de honra, de ser o caso.
O profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos cinco proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado (30 para a persoa coordinadora). O persoal docente dos proxectos recoñecidos, de ser o caso, coa mención de honra recibirá unha certificación de Accésit.
O prazo de presentación das solicitudes, que se enviarán exclusivamente a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia, rematará o día 14 de febreiro de 2025.