Volver

I Certame de relatos ‘Rafael Dieste’

O certame, convocado pola conta de Instagram ‘Arquivo das Trasnas’, conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística e das editoriais Cuarto de Inverno e Galaxia, e xorde dous anos despois do nacemento da conta de difusión de literatura galega nas redes e apenas uns días despois de que esta se fixese co Premio Follas Novas na categoría de proxecto literario na rede.

O Arquivo das Trasnas, unha conta en Instagram xurdida para difundir a literatura galega en Instagram, dirixíndose principalmente a un público mozo, lanzou este mes de maio a convocatoria do I Certame de relatos ‘Rafael Dieste’. A iniciativa, que xorde para homenaxear a un dos grandes autores das letras galegas e cuxa obra inspirou a creación da conta, chega apenas uns días despois de que a conta se fixese co Premio Follas Novas na categoría de proxecto literario na rede. A convocatoria, que se mantén aberta até o 31 de maio, busca promocionar as letras galegas, especialmente entre a xente moza, e está dirixida tanto a autores e autoras xa consagrados como a novos talentos da nosa literatura que, cos seus relatos, queiran contribuír a darlle pulo á lingua e cultura galegas.

O certame, que contará cun xurado conformado por unha persoa en nome do Arquivo das Trasnas, un ou unha estudante do Grao en Lingua e Literatura Galegas e un ou unha lectora, ten tema libre e unha extensión dos textos presentados de entre 15.000 e 20.000 caracteres.

O premio consistirá nun lote de libros –que se conforma grazas á colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, da editorial Cuarto de Inverno e de Editorial Galaxia– e mais 150€.

Así mesmo, os textos, que serán inéditos e estarán escritos na normativa da Real Academia Galega, deberán ser enviados ao enderezo oarquivodastrasnas@gmail.com, remitindo un documento (en formato .docx) co texto que se presenta a concurso e o seu lema e un documento en PDF co lema, o nome da persoa participante, o seu enderezo e un teléfono de contacto.