Volver

Lingua de Namorar 2024

As consellerías de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e de Política Social e Xuventude, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, respectivamente, convocan #LinguaDeNamorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en galego dirixido á mocidade.

MENSAXES GAÑADORAS DE LINGUA DE NAMORAR 2024

O xurado do concurso Lingua de namorar 2024 reuniuse o pasado 11 de abril para elixir as mensaxes gañadoras das categorías A e B, de entre aquelas mensaxes que resultaron máis votadas polo público.

Son as seguintes:

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA A

Mensaxe gañadora do 1º premio da categoría A

Abril Viqueira Pose (Ordes, A Coruña)

Reflexos

Que son aos teus ollos?
Chispas de inverno
Folerpas de verán.
Que fun para ti?
Murmurios do vento
Silencio do mar.

Mensaxe gañadora do 2º premio da categoría A

Luna García Guimeráns (Baiona, Pontevedra)

Amor nos teus

Azul,
no ceo cheo de paxaros que voan sen rumbo.
Azul,
nas ondas revoltosas.
Azul,
nas orquídeas que brotan e tornan todo fermoso.
Azul,
nos teus ollos.
Onde podería perderme e bailarte con cada mirada.

Mensaxe gañadora do 3º premio da categoría A

Alejandro Alonso Lago (Vigo, Pontevedra)

Razón e emoción

Quizais, a maior traxedia de todas ocorre cando se cruza unha mente racional cunha alma emocional. Cando penso en ti sinto que a miña alma quere romper as reixas da súa cela con ímpeto, ser libre e amarte incondicionalmente. Porque eu no fondo sei que ti contradís a parte racional do meu ser.

MENSAXES GAÑADORAS DA CATEGORÍA B

Mensaxe gañadora do 1º premio da categoría B

Elvira Nercellas Rodríguez (Lalín, Pontevedra)

Auga do corazón

Abrente na pel
e verso libre nos teus beizos
sabor de lúa.

Somos melodía
nunha amálgama de corpos
cores núas.

Envoltos en sopro de vapor
fuximos pola fiestra coa mirada
ronsel na rúa.

Roxe o corazón ó vento
ceo sangue dourado
amor que múa.

O cosmos arredor de nós
nós sobre o cosmos
eu beira túa.

Mensaxe gañadora do 2º premio da categoría B

Andrea López Otero (Pantón, Lugo)

B612 só ida

Esta vez,
coma unha molécula de gas eclosionando efímera
no medio do marabilloso e extraordinario caos
asimétricos e imperfectos
voamos en segredo
ata Plutón
para ser eternos
nesa nova forma natural e metafísica
que un día
cando aínda non existían os días
se nos concedeu,
            entre o morrer e o renacer do máis alá,
amarnos para sempre.

Mensaxe gañadora do 3º premio da categoría B

Clara Pérez Martínez (A Bola, Ourense)

A tonalidade dos vínculos

Hai persoas que transcorren
gravando pegadas cromáticas
no apego.
Base marela acastañada
impregnada coas túas habilidades
ao óleo.
Dun trazo delicado
suave
coma un suspiro,
o brillo ambarino
dese sorriso impresionista
xa penetrara
as miñas carnes de boceto.
A pel agarda
entre loción e cóxega de pincel
que tornes tatuarme as ansias.

MENSAXE GAÑADORA DA CATEGORÍA C

O xurado de Lingua de namorar 2024 preseleccionou, na súa xuntanza do 11 de abril, seis mensaxes participantes na categoría C do concurso, mensaxes que pasaron á fase de votación pública en IG, da que resultou gañadora ao recibir o maior número de "gústame" a seguinte:

Blanca Domínguez Groba (Ponteareas, Pontevedra)

@blanguez_27

#amiñaterra

E foi aí, nese preciso lugar, onde comprendín que me estaba a namorar. Por primeira vez vin esa beleza da que nunca antes me percatara, e apreciei de verdade o que me rodeaba. #LinguaDeNamorar.

O obxectivo principal de Lingua de namorar, organizado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, é dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en internet e na mensaxería instantánea.

Convocatoria de Lingua de namorar 2023

Obxectivos

Dinamizar o uso da lingua galega entre as mozas e mozos nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación, nomeadamente, na Internet e na mensaxería instantánea.

Incrementar a percepción do galego como unha lingua que é útil para os momentos de lecer e de diversión.

Características das mensaxes

As mensaxes de amor deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso. A extensión máxima da mensaxe será de 350 caracteres, no caso das categorías A e B, e de 200 caracteres, no caso da categoría C, incluídos os espazos en branco en ambos os dous casos.

Cada participante poderá enviar un máximo de dúas mensaxes ao concurso.

Persoas destinatarias e categorías

Lingua de namorar é un concurso dirixido a toda a mocidade con idades comprendidas entre os 14 e os 35 anos.

Establécense tres categorías de idade:

• Categoría A: de 14 a 19 anos

• Categoría B: de 20 a 35 anos

• Categoría C: de 14 a 35 anos

Procedemento de participación

No caso das categorías A e B:

Para enviar as mensaxes cumprirá rexistrarse na páxina do concurso (http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar) para o que se deberá cubrir un formulario de inscrición.

Todas as mensaxes serán publicadas na páxina do concurso e estarán identificadas polo título e mais polo número que se lles asigne. As mensaxes gañadoras serán as únicas que se identifiquen co nome e apelidos das autoras e autores.

No caso da categoría C (exclusiva para a rede social Instagram):

Cómpre ser seguidor/a de @xuventudegalicia e de @linguagalega.

As mensaxes publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación, engadirase o cancelo #LinguaDeNamorar. Etiquetaranse tamén dúas amizades de IG.

Prazo de presentación

A data límite para enviar as mensaxes é o 1 de abril.