Resolución de axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares non universitarios
RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2023, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se conceden subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 18 de abril de 2023.
Liña de axudas destinada á edición de materiais en formato impreso ou dixital á que a Consellería destina durante este ano 200.000 euros.
O obxectivo da convocatoria, dirixida ás empresas mercantís do sector editorial, é fomentar a elaboración e publicación de recursos didácticos curriculares en galego no ensino regrado e favorecer o tecido da industria editorial galega. Deste xeito, dáselles cumprimento ás disposicións legais establecidas no Decreto 79/2010 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia e mais na Lei 17/2006 do libro e da lectura de Galicia, referentes ás obrigas da Xunta con respecto ao fomento de materiais didácticos en lingua galega para as áreas que se imparten neste idioma.
As empresas editoriais que cumpran os requisitos establecidos na convocatoria poderán solicitar as axudas obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta entre o 29 de abril e o 29 de maio.
O prazo de xustificación remata o día 30 de setembro de 2023. Os materiais presentados deberán ter un depósito legal posterior ao 31 de decembro de 2021. En ausencia de depósito legal, considerarase esta mesma data límite, pero referida á da obtención do correspondente ISBN.
Novidades da convocatoria de 2023
Para subvencións de importe superior aos 30.000 euros, cando a persoa solicitante estea incluída na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, terá que cumprir os prazos de pagamento establecidos nela, circunstancia que acreditará coa presentación da conta de perdas e ganancias abreviada, e, no suposto de que non poida presentala, acreditarase o cumprimento dos prazos legais de pagamento coa certificación dun auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.
Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais. Este prazo non superará os 60 días en todo caso.