Resolución da convocatoria do Concurso - Exposición sobre As cantareiras e a poesía popular oral. Letras Galegas 2025
A Secretaría Xeral da Lingua e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa convocan o concurso para elaborar unha exposición sobre a obra, época e lingua das cantareiras e a poesía popular oral, as figuras homenaxeadas en 2025 no Día das Letras Galegas, e sobre a situación sociolingüística da etapa histórica en que viviron.
Resolución
Unha vez recibido o ditame da Comisión de Selección, que valorou os traballos presentados de acordo cos criterios de selección establecidos na base 11 da convocatoria, resolve:
1. Agradecerlles a todos os centros participantes o seu traballo e esforzo.
2. Declarar gañador do concurso na categoría A a exposición As cantareiras e a poesía popular oral, elaborada polo CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro, de Cerceda (A Coruña), que recibirá o premio establecido na base 4.
3. Declarar gañador do concurso na categoría B a exposición Canta que cadramos ben, do IES Castelao, de Vigo, que recibirá o premio establecido na base 4.
Convocatoria
Poderán participar os centros docentes de ensino público non universitario dependentes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Concederanse dous premios, un para cada unha das dúas categorías de participación:
- Categoría A: educación infantil e primaria
- Categoría B: educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial
O centro que elabore a exposición gañadora de cada categoría recibirá un premio en metálico por un importe de 2.000 €.
O profesorado que participe de forma activa na elaboración das exposicións gañadoras recibirá unha certificación de primeiro premio de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado (30 para a persoa coordinadora).
O prazo de presentación dos traballos finalizará o día 23 de xaneiro de 2025.