Festa de aniversario

Festa de aniversario

Velaquí algunhas ideas para que na data de celebración do aniversario dos cativos da casa non vos falte detalle ningún. Que o pasedes moi ben e que de hoxe nun ano o volvades celebrar cunha boa festa!

Prepara a festa

Festa de aniversario

Unha festa de aniversario leva o seu traballo. Hai unha serie de cuestións que non deberiades esquecer para que todo saia a rachar:

  • Que día é mellor para celebralo? Un venres á tarde? Un sábado? Pola semana? Se ides facer a festa fóra da casa, probablemente teredes menos apuro no local que vos interese de luns a xoves e mesmo pode ser que vos resulte algo máis barato.
  • A quen ides convidar? Dedicade un tempiño a pensar a vosa lista de convidados para axustala, non só aos desexos dos pequenos (que seguramente queiran traer a toda a clase), senón tamén ao espazo e ao orzamento dispoñibles.
  • Que preparamos de merenda? Velaquí algunhas receitas doadas de preparar e moi, moi saborosas. Aproveitade esta ocasión para cociñardes xuntos!
  • Prepara algún xogo divertido para pasar a tarde. Unha idea pode ser argallar xogos tradicionais nos que poidades participar todos, como a corda, a mariola, as chapas, o gato e o rato... Tedes unha chea deles! Trátase de pasalo o mellor posible.   

 

Convite

Convite dos Bolechas

Desde que teñades claro que amigos ides convidar á festa, preparade un convite co día e mais a hora no que se vai celebrar o aniversario.

Así podedes estar seguros de que non se van esquecer. E que non deixen de confirmarvos a súa asistencia! Cómpre que saibades cantos ides ser!

Aquí vos propomos un convite moi especial, cos debuxos dos simpáticos Bolechas, que xa coñecedes. Abofé que cun convite coma este non vos ha faltar ninguén. Ademais, nel podedes poñer todos os datos que lles interesan aos amigos:

  • O lugar onde se celebra a festa
  • A data e a hora da celebración
  • O teléfono para confirmaren a asistencia
  • O correo electrónico por se che queren comentar algo
  • Descargade aquí os convites.

Canción

Unha das cousas fundamentais que non debe faltar en ningún aniversario é unha boa torta para servir mentres se canta Parabéns para ti. Se non sabedes a letra, velaquí a tedes:Letra dunha canción de aniversario



Podedes escoitar esta e outras cancións de aniversario en varios discos de música infantil galega coma os seguintes:
María Fumaça, de Uxía
Xiqui xoque, fiú, fiú!, de Uxía
Xente miúda, moita fartura, de Pablo Díaz