Encontro dos Axóuxeres

Cada Encontro dos Axóuxeres, de aproximadamente 35 minutos de duración, foi creado para ofrecerlles aos cativos un espazo onde desfrutar e abrirse ao descubrimento do mundo en galego.

Na obra cóntanse historias adaptadas á xente miúda da casa, mesturadas con cancións especificamente creadas para a montaxe que implican directamente a participación do público.

O punto de partida é o descubrimento do mundo que nos rodea, tan característico da idade máis temperá. A partir da curiosidade por saber o que hai dentro dunha casa, e empregando o elemento sorpresa, fálase dos cambios que vivimos a diario na nosa vida e no noso contorno. Estes preséntanse como elementos positivos no desenvolvemento das persoas e das relacións entre elas. Preguntarse quen será ese novo veciño que é diferente a min e descubrir o seu mundo pode ser unha canle a novas experiencias e novas aprendizaxes de vida.

Reserva!

A entrada para os Encontros dos Axóuxeres é de balde, con reserva previa ata completar a capacidade. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse previamente, de luns a venres e en horario de 10.00h a 14.00 h, no teléfono 610 641 570. Admitiranse reservas dende unha semana antes de cada sesión

Casas de moitos lugares

Unhas poucas casas poden ser unha aldea, moitas casas poden ser unha cidade. A nosa casa naceu nunha aldea que agora é unha cidade. Aí está, arrodeada doutras. É de madeira, ten xardín e dálle moito o sol .

Antes non tiñamos veciños, pero pouco a pouco foron chegando Hortensia, a florista, que ten unha casa que recende moi ben; Telmo, o veciño equilibrista ; Arabela, que é cantante de ópera; O señor Antón, que é un vello mariñeiro… e a nosa amiga Rita, a gata de Marcelina, que vén de visita á hora da merenda.

No verán, se vai moita calor, ou no inverno, se vai moito frío, o mellor sitio onde estar é … na casa, na nosa casa!

Ligazóns relacionadas