Presentación do libro Encrucilladas da diversidade lingüística europea
O Centro de Estudos Galegos da Universidade Christian Albrecht de Kiel (Alemaña) presenta Kiel-Santiago de Compostela: Encrucilladas da diversidade lingüística europea, que acaba de publicar a editorial Galaxia coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
A presentación estará a cargo de Xesús Alonso Montero, académico da Real Academia Galega e membro do Consello da Cultura Galega, e de Javier Gómez-Montero, catedrático de literatura na Universidade de Kiel e responsable do Centro de Estudos Galegos. Abrirá o acto a intervención de Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística.
O libro está dedicado a reflexionar sobre as linguas de Europa, con ou sen Estado, e concibido desde dúas universidades europeas: Kiel e Santiago de Compostela. O volume está artellado en catro ensaios escritos desde a sociolingüística, coma os de Alastair Walker e Fernando Ramallo, e desde un punto de vista máis próximo á reflexión antropolóxica, coma os de Xesús Alonso Montero e Javier Gómez-Montero. Esta combinación fai que cada contribución sexa unha peza indispensable que complementa o total uníndose nun volume coherente e equilibrado que pecha cunha segunda parte dedicada á cantiga de Mendiño e ás súas dez traducións como mostra da diversidade lingüística, que é a razón deste libro.
Comeza: 22/05/2018 12:00
Onde: Sala Sarmiento. Secretaría Xeral de Política Lingüística. Santiago de Compostela
Documentos relacionados
-
Cartel PDF