O novo universo Xabarín

A Secretaría Xeral da Lingua e a Televisión de Galicia poñen en marcha un espectáculo que percorrerá os colexios de toda Galicia para dar a coñecer a nova oferta de series de debuxos animados con que gozar este Nadal na plataforma de entretemento para os máis pequenos da casa: xabarin.gal.
Nun espectáculo duns 15 minutos, a presentadora e actriz Marita Martínez, acompañada do propio Xabarín, presentaralles ás alumnas e alumnos de educación infantil e do primeiro ciclo de educación primaria todas as posibilidades da plataforma Xabarin.gal, que aglutina centos de horas de contidos en lingua galega para a cativada.
No espectáculo faise un repaso pola historia do Xabarín Club, a iniciativa de maior éxito da historia da televisión pública galega, e danse a coñecer as apostas máis recentes da plataforma Xabarín.gal, como Bibopalula, a primeira serie musical de debuxos en galego, na que participa a Xunta de Galicia. Todo iso acompañado das bandas sonoras das series, que os nenos e nenas aprenderán a cantar e bailar durante o espectáculo.
A iniciativa percorre na semana previa ao Nadal centros de toda Galicia: na Coruña e Ferrol -coa asistencia de 220 nenas e nenos-, en Vigo e Pontevedra -200 nenas e nenos-, en Santiago de Compostela -200 rapaces e rapazas-, en Ourense -120 nenas e nenos- e en Lugo o venres -90 nenas e nenos-. Os rapaces poderán levar para a casa un agasallo da serie Bibopalula: a frauta de Robin, un dos paxaros protagonistas da que está a ser unha das producións máis exitosas de xabarin.gal.
O novo universo Xabarín busca popularizar a plataforma entre as familias galegas, para así favorecer o consumo de contidos audiovisuais en galego nas idades máis temperás, á vez que dá a coñecer entre o público máis novo un dos personaxes máis queridos da televisión en Galicia.
Calendario
- A Coruña. CEIP Plurilingüe Anxo da Guarda. 16 de decembro, ás 9:15 h.
- Ferrol. CEIP Cruceiro de Canido. 16 de decembro, ás 11:45 h.
- Pontevedra. CEIP Froebel. 17 de decembro, ás 12:45 h.
- Santiago de Compostela. CEIP Pío XII. 18 de decembro, ás 11:30 h.
- Ourense. CEIP De Prácticas. 19 de decembro, ás 11:00 h.
- Lugo. CEIP Sagrado Corazón. 20 de decembro, ás 11:15 h.