Curso de introdución á lingua e á cultura galegas
A Secretaría Xeral da Lingua ofrece este curso gratuíto de lingua e cultura galegas, dirixido a todas as persoas, tanto se teñen coñecementos básicos como se comezan dende cero.
O curso está organizado en cinco unidades temáticas, pensadas para acompañar o proceso de aprendizaxe dun xeito gradual, práctico e conectado coa realidade galega. Cada unidade integra contidos de:
- Fonética, para familiarizarse cos sons do galego e mellorar a pronuncia.
- Gramática, centrada nas estruturas básicas e frecuentes da lingua.
- Léxico útil, cun enfoque comunicativo para situacións cotiás.
- Cultura, no que nos achegaremos á historia do galego. Tamén coñeceremos algunha das moitas festas gastronómicas galegas e cales son os festivais de música máis destacados. Ademais, poderemos prepararnos para facer o Camiño de Santiago ao tempo que gozamos do clima e dos espazos naturais de Galicia.
Cada unidade inclúe exercicios de autocorrección e actividades de resposta aberta para aprender e practicar a lingua dun xeito entretido e activo.
Pódese acceder ao curso e a todos os materiais descargables na Plataforma de Teleformación.