Volver

Mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2022

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), co fin de divulgar a figura e o legado de Florencio Delgado Gurriarán, pon á vosa disposición os carteis da exposición gañadora do Concurso-Exposición Letras Galegas, da categoría A, correspondente á educación infantil e primaria, e mais a guía didáctica correspondente. Así mesmo, ofrece unha exposición e unha guía didáctica para a educación secundaria, bacharelato, formación profesional e outras ensinanzas.

Son recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e tamén para o público dos concellos, bibliotecas e asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas.

A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Florencio Delgado Gurriarán, poeta do agro, elaborada polo CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño, de Rubiá (Ourense): un harmonioso conxunto de carteis nos que son de salientar a orixinalidade, a calidade estética e artística e a idoneidade das diversas técnicas e materiais usados na súa elaboración, na procura de difundir a vida e a obra do poeta valdeorrés entre o alumnado máis novo.

Na categoría B, correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario, o premio quedou deserto, mais a SXPL ofrece tamén unha serie de carteis destinados á educación secundaria, bacharelato, formación profesional e outras ensinanzas, que salientan pola súa calidade e modernidade.

Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época do autor a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas, así como regras, marcadores de libros e outros materiais. Canda estas exposicións e as súas guías, tedes tamén diversos materiais que vos poden ser de utilidade.