Xabarín TVG: a nova aplicación infantil da TVG
A CRTVG ofrece xa a súa programación infantil a través dunha nova aplicación, Xabarín TVG, dispoñible para móbiles e tabletas, con todas as series de animación en galego que se emiten pola TVG2 dentro do espazo Xabarín Club. O seu valor principal é que é a única para cativas e cativos con contidos audiovisuais exclusivamente en galego.
O Xabarín Club adáptase deste xeito aos hábitos de consumo dunha xeración de nenas e nenos completamente dixital.
Agora esta audiencia de ata 14 anos de idade poderá gozar nos dispositivos electrónicos de series de animación como Os Bolechas, Fish and Chips, Cocorico, Caracois, A tropa de trapo, A vaca Connie ou Raa Raa, o leonciño rebuldeiro.
A aplicación, dispoñible para Android e iOS, ofrece a posibilidade de peneirar os contidos en función da idade do público ou das preferencias das nais e dos pais. Ademais, permite ver os debuxos en streaming wifi e 3G e é compatible con Air Play/Apple TV. Deste xeito, os meniños poderán ver os seus debuxos favoritos en calquera lugar e a calquera hora.