Dicionario galego-ruso (2ª edición)
O Dicionario galego-ruso, concibido no ano 2020, foi a primeira tentativa dun gran dicionario galego-ruso que incluise tanto o léxico normativo, recoñecido pola RAG, coma palabras e mais expresións que actualmente se atopan fóra da norma estándar, a pesar de se empregaren no discurso escrito e na fala, que ademais aparecen nas obras clásicas e modernas da literatura galega En xaneiro de 2025 publícase a segunda edición, corrixida e aumentada, deste proxecto lexicográfico do investigador Aleksandr Dziuba, iniciado cando era auxiliar de conversa de lingua rusa na Escola Oficial de Idiomas da Coruña. Desde entón ata hoxe, o profesor Dziuba seguiu traballando arreo nunha obra que ofrece xa, na presente edición, 21.000 entradas.
Este dicionario ten como persoas destinatarias as especialistas en lingua e cultura galegas, tradutoras, lexicógrafas, romanistas, comparatistas, profesorado e estudantado que aprende galego, e tamén galegos e galegas que aprenden ruso. As estatísticas do uso da primeira edición do dicionario en liña amosan que o utilizan non soamente en Galicia e Rusia, senón nun vasto espazo europeo (por exemplo, Alemaña, Polonia e Italia, entre outros) e nos países da antiga Unión Soviética (sobre todo, Ucraína, Kazakhistán, Uzbekistán e Belarús), o que arrufa o autor e o determina a seguir traballando na seguinte edición do dicionario. A primeira edición contaba con case 11.000 lemas organizados por orde alfabética. Na presente edición trátase de mellorar e aumentar o contido do Dicionario Galego-Ruso e engádense máis de 10.000 entrada. Na maioría dos lemas presentes na primeira edición incrementáronse novos significados aceptados neste período pola RAG. Amais, todas as entradas antigas foron revisadas co fin de corrixir as grallas e erros, e engadir máis unidades fraseolóxicas e frases feitas habituais. As novas entradas conteñen tanto o léxico máis frecuente e usual en galego (segundo o Dicionario de frecuencias), ás veces compartido con outras linguas neolatinas, como as palabras especificamente galegas. No momento de redacción dunha entrada, en primeiro lugar, tomáronse en consideración as definicións aceptadas pola RAG. Puntualmente incluíronse termos non recollidos pola RAG que van marcados con *.
Un dos obxectivos principais do dicionario é crear unha ponte directa entre as nosas culturas que permita facilitar o proceso de aprendizaxe de ambas as dúas linguas e o traballo de tradución de textos literarios ou específicos de galego a ruso sen ter que acudir aos outros idiomas mediadores (castelán, portugués, inglés etc.). O autor agarda que a publicación deste dicionario axude a aumentar a cantidade de traducións das obras literarias galegas ao ruso, xa que a fermosa literatura multisecular galega merece moita máis sona no mundo non galegofalante, e ademais provoque unha nova vaga de interese na cultura e lingua rusas entre os galegos e galegas e viceversa.
Contacto: Para calquera achega ou dúbida, os lectores poden poñerse en contacto co autor a través do correo electrónico seguinte: dicionariogalegoruso@gmail.com.
Preme na imaxe para descargar a última versión do dicionario: