Volver

Mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2024

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), co fin de divulgar a figura e o legado de Luísa Villalta, pon á vosa disposición os carteis gañadores do Concurso-Exposición Letras Galegas da categoría A, correspondente a educación infantil e primaria, e da categoría B, correspondente a educación secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, acompañados de cadansúa guía didáctica.

Son recursos de utilidade para a comunidade educativa dos diferentes niveis de ensino non universitario de Galicia, mais tamén para a das universidades, centros de estudos galegos, centros que cursan ensinanzas de galego nas comunidades estremeiras e tamén para o público dos concellos, bibliotecas, centros da emigración e distintas asociacións que traballan a prol da lingua e da cultura galegas.

A exposición gañadora na categoría A, destinada aos centros de educación infantil e primaria, é Luísa Villalta, tatuada na pétrea pel do mar, elaborada polo CEIP Raquel Camacho da Coruña: un harmonioso conxunto de carteis nos que destacan a creatividade, a beleza estética, a cooperación de todo o alumnado na súa elaboración, o carácter integrador e inclusivo e o emprego de técnicas e recursos diversos (códigos QR, linguaxe Braille, pictogramas etc.), na procura de difundir a vida e a obra de Luísa Villalta entre a rapazada.

Na categoría B, correspondente ao resto dos centros e niveis educativos do ensino non universitario, o premio foi para Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta, do CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel de Ourense, que salienta polo seu carácter innovador ao nos amosar a protagonista das Letras Galegas como un avatar que nos convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, unha realidade virtual na que descubriremos imaxes, recursos e actividades interactivas. É esta unha exposición moi acaída para os tempos actuais nos que as novas tecnoloxías da información e da comunicación non deixan de se incorporar ao noso quefacer diario.

Cada unha das exposicións vén acompañada da correspondente guía didáctica, que nos permite realizar un percorrido polos momentos máis significativos da biografía e pola obra e a época da autora a quen lle renderemos homenaxe o Día das Letras Galegas. Canda estas exposicións e as súas guías, tedes tamén outros materiais, como marcapáxinas e regras, que vos poden ser de utilidade.