Andrea Nunes Brións gaña o Premio aRi[t]mar á Mellor Poesía do Ano 2025 na Galiza con “Un mar que soña”
Tras rematar as votacións para escoller os mellores poemas do ano 2025 na Galiza e Portugal, o poema “Un mar que soña”, de Andrea Nunes Brións, foi a Mellor Poesía do 2025 na Galiza, e “Indigestão”, de Ana Gago, a Melhor Poesía de 2025 en Portugal.
Curso: 2025-2026
No poema de Nunes Brións, a capacidade do mar para tranformar a súa natureza simbólica, desde a violencia e escuridade até a calma e o agrado que implican as ondas cando chegan paseniñas á beira na praia, ponse en común co soño dunha muller co que comparte esa mesma dicotomía, pero falando neste caso da esperanza ou da súa ausencia.
No caso de “Indigestão”, o poema de Ana Gago, a autora transmite todas as malas sensacións e sentimentos da falta de comunicación, ou a súa imposibilidade, a través dunha linguaxe que torna, por momentos, mesmo nunha especie de horror corporal desagradable e epidérmico.
As vencedoras recibirán o seu galardón na gala aRi[t]mar, que será celebrada no outono e contará coa presenza e as actuacións musicais de Uxía e MAR.
Andrea Nunes Brións e Ana Gago pechan así ó plantel de vencedoras desta edición dos premios aRi[t]mar. As dúas poetas súmanse a Uxía e a unha das máis salientables novas voces da música portuguesa, MAR, que foron as vencedoras na categoría musical, e a Xico de Cariño, galardoado co Premio Especial do Xurado á Embaixada da Amizade Galego-lusófona.
Todas as gañadoras recollerán o seu premio na gala aRi[t]mar 2026, que será celebrada no outono no Auditorio de Galicia e na que as entregas dos galardóns convivirán con actuacións musicais.