Volver

Novembro estelar: ciencia e letras en galego

Proxecto divulgativo de ciencia e de creación artística na nosa lingua

A escritora, música e comunicadora de ciencia Estíbaliz Espinosa colabora coa Secretaría Xeral de Política Lingüística para demostrar que en galego a ciencia ten pulo e que tanto a arte coma a literatura dialogan con ela e axudan no seu avance. Faino cunha iniciativa que inclúe as seguintes actuacións:

Encontro Novembro estelar: ciencia e letras en galego

Inclúe, por unha banda, unha charla presencial (8 de Novembro de 12:30 a 14:00 horas) con Miguel Ángel Cajigal, comisario de arte (@elbarroquista) e Susana Ladra, científica galega do ámbito das ciencias da computación, no Museo Gaiás da Cidade da Cultura, á beira da exposición Galicia Futura; por outra banda, unha entrevista virtual (13 de Novembro de 19:30 a 21:00 horas) entre Begoña Vila Costas (astrofísica que traballa co telescopio James Webb da NASA) e Estíbaliz Espinosa, que estará no Planetario da Coruña. A entrevista emitirase en streaming desde esta mesma páxina.

Videopoema de ciencia

Iniciativa artística exploradora inspirada na figura sobranceira da astronomía galega Antonia Ferrín Moreiras, con poema de Estíbaliz Espinosa e direcciónd e Juan Lesta. Está gravado no Centro Astronómico de Trevinca, o grande observatorio estelar galego que abrirá as súas portas proximamente.