Volver

Misal Romano en lingua galega

En decembro de 2024, e coincidindo coa celebración ese ano dos 55 anos da liturxia en galego, o que significou un fito importante para a nosa lingua ao recoñecela para o culto relixioso, a consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, a través dun convenio co Arcebispado de Santiago, presentou o Misal Romano en lingua galega co que se pretende “potenciar o uso do idioma en ámbitos con gran peso na nosa sociedade como é o relixioso”.

Editáronse 1.500 exemplares baixo o selo da editorial da Conferencia Episcopal Española, distribuídos a través das dioceses galegas. Con este misal, destacou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, “favorecemos a dinamización da lingua no ámbito litúrxico facilitando que os sacerdotes poidan oficiar as cerimonias relixiosas católicas en galego, achegándose así as persoas galegofalantes e tamén prestixiando o idioma”.

Outro dos avances é o que supón contar co Misal Romano en lingua galega en soporte dixital, xa que estará a disposición de toda aquela persoa interesada no Portal da Lingua, seguindo na liña de incentivar o contido en galego no eido das tecnoloxías.