Día internacional da Lingua Materna

O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2000 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega.

A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística celebran en 2018 a festa da Lingua Materna no Museo do Mar de Galicia, onde se encontra exposta ata o vindeiro marzo unha das xoias do idioma galego, o Pergamiño Vindel, que contén as sete cantigas de amigo de Martín Códax. A elección deste espazo feito emblemático pola presenza do pergamiño quere chamar a atención sobre a permanencia e transmisión de xeración en xeración da lingua galega a través dunha cadea que nos liga co noso pasado e co noso futuro e que as presentes xeracións deben manter.

Ao Museo do Mar de Galicia acudirán nenos e nenas do concello de Redondela, pertencente á Rede de Dinamización Lingüística, que participarán nunha actividade con músicos da formación A Roda. A actividade estará precedida dun breve acto insitucional no que intervirá o secretario xeral de Política Lingüística.

Preservar a diversidade lingüística e promover o plurilingüismo

Cada ano, a UNESCO escolle un lema arredor do que xira a conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. No 2018 o lema é “Preservar a diversidade lingüística e promover o plurilingüismo para apoiar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable” contidos na Axenda 2030. Con el quérese destacar o papel das linguas locais, especialmente as minoritarias, para lograr unha educación de calidade (obxectivo 4 da Axenda) que permita que cada persoa poida chegar a ser todo o que desexa e a integrarse plenamente na sociedade.

Lingua materna

A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.