A Xunta e o IES Arcebispo Xelmírez I celebran o Día Europeo das Linguas cun recitado multilingüe

Volver

O secretario xeral de Política Lingüística participa nesta lectura de poemas en distintos idiomas por parte do alumnado do instituto compostelán

Destaca que o coñecemento de linguas “é unha ponte que une sociedades e culturas"

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023 A Xunta de Galicia celebrou este serán nos soportais do Museo das Peregrinacións e de Santiago o acto central polo Día Europeo das Linguas. Un evento no cal participou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que estivo acompañado polo alumnado e profesorado do Instituto IES Arcebispo Xelmírez I, que recitaron 10 poemas de distintos autores europeos nas súas respectivas linguas, desde Fernando Pessoa a Pedro Salinas.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades aproveitou a ocasión para recordarlles aos estudantes presentes “a sorte e a responsabilidade que supón ter un idioma propio, xa que o coñecemento de linguas é unha ponte que une sociedades e culturas”. Ademais, Valentín García salientou ”a importancia de que Europa recoñecese no seu día a necesidade de potenciar as linguas medias e minoritarias do continente, xa que todas son útiles e igual de importantes”.

O Goberno galego tamén presentou onte no marco desta efeméride o Dicionario galego-italiano Galita, un recurso en liña impulsado polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades que permite, por primeira vez, a conversión directa entre estas dúas linguas románicas.

Ademais, a través do Portal da Lingua Galega, as persoas interesadas poderán atopar as actividades que os Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos preparan cada ano para conmemorar esta data sinalada.

Día Europeo das Linguas

Por iniciativa do Consello de Europa, desde o ano 2001 celébrase o Día Europeo das Linguas. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, súmase a esta festa que, cada 26 de setembro, nos lembra a importancia e mais a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.

Departamento: C. de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria Tema: Cultura, Lingua