Día Europeo das Linguas
A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, súmase a esta festa que, cada 26 de setembro, nos lembra a importancia e mais a necesidade de preservar e fomentar a rica diversidade cultural e lingüística de Europa, así como de incrementar o grao de entendemento intercultural e lingüístico a través do impulso da aprendizaxe de linguas.
Este ano, Política Lingüística celebra esta data cun acto institucional que irá acompañado do recitado de poemas galegos en diversas linguas a cargo de estudantes Erasmus na Universidade de Santiago de Compostela e mais da proxección do documental Imos de Camiño, que recolle o testemuño de diversos persoeiros das letras galegas. Ademais, o Festival Maré, que se celebra do 23 ao 26 de setembro en Santiago co apoio da Xunta, incorpora á súa programación distintas propostas relacionadas co Día Europeo das Linguas en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística: obradoiros, mesas redondas e outras actividades relacionadas coa lingua galega e con outras moitas linguas.
Emisión en directo do evento o domingo 26 de setembro:
Obxectivos da celebración
Os obxectivos xerais do Día Europeo das Linguas son:
- Destacar a importancia da aprendizaxe de linguas e diversificar a variedade de idiomas que se aprenden co obxectivo de incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural.
- Promover a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa, que debemos preservar e potenciar.
- Promover a aprendizaxe permanente de linguas tanto dentro como fóra dos centros educativos.
A secretaria xeral do Consello de Europa Marija Pejčinović Burić sinala que este ano o Día Europeo das Linguas pon o foco na educación lingüística inclusiva, "que apoia a todos os estudantes para alcanzar o seu potencial e xogar un papel activo en sociedades democráticas e diversas".
Diversidade lingüística en Europa
- En todo o continente europeo existen máis de 225 linguas nativas..
- A Unión Europea é a institución do mundo máis plurilingüe ao recoñecer 24 linguas oficiais, ás que cómpre sumar arredor de 60 linguas denominadas rexionais ou minoritarias.
- Por outra banda, no territorio da Unión fálanse algo máis de 100 linguas procedentes doutros continentes do mundo que usan a diario persoas inmigrantes.