Volver

Rede de Dinamización Lingüística

A Rede de Dinamización Lingüística é unha asociación voluntaria que busca congregar as entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega no ámbito local, vinculada á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A Rede naceu en virtude da publicación no Diario Oficial de Galicia, o 21 de setembro de 2010, da Orde do 14 de setembro pola que se crea a Rede de Dinamización Lingüística e actualmente están adheridas provisionalmente a ela cento setenta entidades. Os seus principais obxectivos son os de promover a coordinación das actuacións en materia de dinamización lingüística e de aumentar a efectividade destas desde o ámbito local.

A figura dunha rede perfílase actualmente como a fórmula máis axeitada para acometer estes fins, xa que, sen lles restar competencias a ningunha das administracións que interveñen, garante extensiva e intensivamente a intervención e optimiza os recursos dispoñibles asegurando uns niveis de eficiencia axeitados.

Por todo isto, A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pretende apoiar e colaborar coas entidades locais de Galicia para acadar unha mellora nos servizos que prestan, así como potenciar o uso do galego por parte destas entidades e nas súas relacións coas persoas administradas.

A Rede está aberta á colaboración e á adhesión das entidades privadas sen finalidade de lucro interesadas na consecución dos fins que a orientan.

Contacto

 

  • Teléfono: 881 996 317 / 881 996 320
  • Enderezo electrónico: coordinacion.rededl.sxpl@xunta.gal

 

En virtude da ORDE do 22 de setembro de 2016 adáptase e habilítase electronicamente o procedemento administrativo de prazo aberto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e, entre eles, o da solicitude de adhesión á Rede de Dinamización Lingüística.