Día Internacional da Lingua Materna
O Día Internacional da Lingua Materna foi proclamado pola Conferencia Xeral da UNESCO en novembro de 1999 e celébrase anualmente dende o 21 de febreiro de 2002 cos obxectivos de promover o plurilingüismo e a diversidade cultural. A Xunta de Galicia e a Rede de Dinamización Lingüística veñen sumándose nos últimos anos a esta celebración, contextualizándoa na nosa comunidade e orientándoa á promoción e transmisión da lingua galega.
Este ano, a Xunta de Galicia celebra a lingua materna cun breve acto institucional e cunha actividade de dinamización lingüística na Escola Infantil de Vite, en Santiago de Compostela. Trátase do concerto de música infantil Gatuxo, unha orixinal proposta musical para bebés interpretada polos coñecidos músicos Magín Blanco e María Faltri. Gatuxo presenta cancións alegres e pegadizas, atomosferas doces armadas a base de instrumentacións sinxelas que traen a calma, que convidan ao descubrimento e transmiten emocións asociadas á ledicia, ao sorriso e á celebración da vida. Esta sinxeleza tamén se estende aos títulos das cancións e a unhas letras directas que recrean o universo do bebé.
Por outra banda, co gallo do Día Internacional da Lingua Materna, póñense a disposición das familias novos recursos dixitais elaborados no marco da convocatoria TCRedes:
- Ti es a chave da primavera, de Ronsel de Ideas, dirixido á rapazada de 7 a 11 anos. Inclúe un conto dixital e recursos interactivos adicionais. Tomando como fío condutor o lema "Mil Primaveras máis", os materiais teñen o obxectivo de facerlles ver aos nenos e nenas que eles son unha peza fundamental do futuro do idioma, ao tempo que se quere reforzar e concienciar as familias na idea de que a transmisión da lingua é unha chave para o futuro dos seus fillos e fillas.
- Unha serie de cinco capítulos baseados no exitoso espectáculo Ñam, de Caramuxo Teatro. Dirixida a nenos e nenas de 1 a 6 anos, é un contido dixital de calidade que permite que os máis novos da casa aprendan conceptos esenciais (como grande / pequeno) e descubran de onde veñen os ovos e o leite, ou como collemos os limóns para facer limoada. A partir destes cinco capítulos, as familias poderán realizar cinco receitas coas que asentar contidos e palabras aprendidas.
- O documental Criando lingua, de Xurdir, que aborda a problemática da normalización lingüística co foco posto na perspectiva da crianza. Cun formato de 'docu-reality', presenta 5 familias de diversa natureza que adoptaron a decisión de criaren os seus fillos en galego.
- Calcetís e paxarín, de Zumalab, unha serie de 10 pezas en vídeo gravadas en tres puntos da xeografía galega pertencentes a cada unha das tres grandes áreas lingüísticas do país. Están protagonizadas por dúas nenas e un neno (acompañados das súas familias) que establecen un diálogo entre si, facendo un percorrido áxil e lúdico sobre varias das diferenzas que incorporan as variedades dialectais das súas zonas. A estes contidos lingüísticos van ligados outros: coñecemento do medio (nomes de animais, plantas, elementos da paisaxe e do urbanismo, celebracións locais); toponimia e literatura de tradición oral (coplas, lendas, adiviñas, recitados, arrolos...).
Este ano, ademais, o alumnado participante no programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística 21 días co galego e + participou no vídeo que a Network to promote Linguistic Divertisty (NPLD) elaborou para celebrar esta festa da lingua e da diversidade:
A NPLD é unha rede europea formada por gobernos, universidades e asociacións que teñen o obxectivo común de promover a diversidade lingüística en Europa. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, forma parte da NPLD como membro de pleno dereito.
Lingua materna
A lingua materna é aquela en que os nenos aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.
A UNESCO lémbranos que «os idiomas, coa súa complexa imbricación coa identidade, a comunicación, a integración social, a educación e o desenvolvemento, son factores de importancia estratéxica para as persoas e para todo o planeta. Con todo, a causa dos procesos de globalización, pesa sobre as linguas unha ameaza cada vez maior de extinguirse (...). Coa extinción dos idiomas mingua tamén a rica urda da diversidade cultural. Pérdense posibilidades, tradicións, lembranzas, modalidades únicas de pensamento e de expresión; recursos valiosos e necesarios para lograr un futuro mellor. (...) Afortunadamente, e grazas a que se asumiu a importancia que teñen estas linguas, alcanzáronse logros en materia de educación plurilingüe baseada na lingua materna, en particular na educación primaria. Así mesmo, hai un compromiso cada vez maior para que se desenvolvan na vida pública. As sociedades multilingües e multiculturais existen a través das súas linguas, que transmiten e preservan os coñecementos e as culturas tradicionais de maneira sostible. Por iso, debemos coidar de todas as linguas”.
Multilingüismo para transformar a educación
Cada ano, a UNESCO escolle un tema arredor do que xira a conmemoración do Día Internacional da Lingua Materna. En 2023, o tema é "Educación Multilingüe (EML), a necesidade para transformar a educación ", co que se pretende explorar o potencial do multilingüismo para mellorar a educación desde a perspectiva da aprendizaxe permanente e en diferentes contextos. Este tema articúlase en torno aos tres subtemas seguintes e interconectados entre si:
- Potenciar a educación multilingüe como necesidade para transformar a educación en contextos multilingües desde a educación infantil e moito máis aló.
- Apoiar a aprendizaxe mediante a educación multilingüe e o multilingüismo en contextos globais cambiantes e en situacións de crise, incluídos os contextos de emerxencia.
- Revitalizar as linguas menos faladas ou en vías de desaparición.