O pasado 15 de xuño a Cátedra de Cultura Galega da Universidade da Habana homenaxeou a figura da pedagoga e feminista galega Concepción Arenal (Ferrol-1820, Vigo-1873). A cita foi no salón que a Federación de Sociedades Galegas de Cuba mantén no Antigo Palacio do Centro Galego da Habana.
Na actividade participaron alumnado, profesorado e a directora Gelsy Escobar, da actual Escola Primaria -herdeira do Plantel Concepción Arenal do Centro Galego da Habana-, as nenas da Escola de Baile da Sociedade “Naturales de Ortigueira”, xunto a membros e directivos da Agrupación de Sociedades de Municipios e Parroquias de Galicia na Habana e membros da Cátedra, grazas ao patrocinio da Consejería de Cultura da Embaixada de España a través do seu programa “Línea Abierta”.
O acto transcorreu como un intercambio para que alumnos e asociadas partillasen cadanseus coñecementos sobre a figura da insigne galega que dá nome ao plantel e sobre os bailes tradicionais galegos. Os alumnos de 3º ano presentaron o “matutino” especial dedicado a quen dá nome á súa escola e as bailarinas fixeron un orixinal desfile de prendas tradicionais galegas, tocaron as cunchas e bailaron muiñeira.
Momento especialmente emotivo foi a presenza de catro ex-alumnas do primixenio Plantel do Centro Galego: Carmita Casado, Merceditas Monsanto e as irmás Maricarmen e Teresa Baamonde, que lembraron anécdotas da súa infancia na primaria e cantaron o “Himno do Colexio” ante un sorprendido e emocionado auditorio.
Pola súa banda, as alumnas da Cátedra Galega achegaron videos didácticos, xogos de participación e até a narración dun conto sobre a vida da insigne pedagoga, e fixeron entrega ao colexio dunha carpeta con material didáctico sobre a figura e obra da homenaxeada, amais de axendas e material de escola para o alumnado, preparado por elas mesmas. Tampouco faltaron doces e refrescos para os asistentes nesta festa de amor e recoñecemento a unha grande figura da cultura galega e universal.
Recuperación do retrato de Concepción Arenal
A homenaxe serviu ademais para presentar publicamente un retrato restaurado de Concepción Arenal, da autoría do pintor galego Juan Martínez Buján (1938), resultado da acción conxunta da Cátedra de Cultura Galega mais o Instituto de Literatura e Lingüística, onde radica o Fondo Galego “Xosé Neira Vilas” que gardaba o lenzo. Dentro do programa “Atenderte” promovido pola Facultade de Artes e Letras da Universidade da Habana, varios estudantes da Cátedra realizaron, entre outras accións, o rastrexo e investigación dun lenzo descoñecido de máis de dous metros de altura, reconstruíndo a súa historia e confirmando a autoría de Buján e a encarga da Sociedade “Hijas de Galicia” para estrear as súas novas oficinas nos baixos do Centro Galego da Habana. Co financiamento da Embaixada de España na Habana e a restauración de Yanara Cruz Leyva, o lenzo foi reparado, restaurado e enmarcado e levado, tras 70 anos de silencio, ao seu lugar orixinario.Na actualidade estase a negociar unha nova e definitiva localización nun lugar destacado onde poida ser admirado e protexido.
Esperemos que esta homenaxe revitalice as relacións entre a comunidade de descendentes dos galegos e a escola de primaria, que desde hai 145 anos “noche y día sus puertas abiertas tiene” para educar durante o día os nenos e nenas e formou durante a noite miles de emigrantes galegos con ansias de mellorar e aprender.
Arantxa Fernández Crespo, presidenta da Cátedra de Cultura Galega da Habana. A Habana, 15 de xuño de 2024