21 días co galego e +

21 días co galego e + é un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A súa finalidade é promover o uso do galego oral entre a xente nova. Nesta cuarta edición desenvólvese desde o 1 ata o 21 de febreiro de 2022.

Este programa de dinamización lingüística nace para que a mocidade fale máis o galego e perfeccione o seu uso dentro e fóra das aulas. Alén diso, preténdese que analice a súa relación coas linguas que coñece, e máis concretamente coa propia de Galicia, para ver cal é o lugar que ocupa ou pode ocupar na súa vida.

A singularidade de 21 días co galego e + reside na vontade de implicar por completo as rapazas e os rapaces, durante un tempo determinado, na procura de que o galego sexa a súa lingua normal de uso en todos os ámbitos, e no feito de levar a aula á rúa e a rúa á aula, fuxindo do estudo máis académico da lingua.

Ten a súa orixe en 21 días co galego, unha experiencia que se puxo en marcha desde 2013 no IES da Pobra do Caramiñal, da man da profesora Pilar Ponte, e que mesmo chegou a recibir en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística e en 2016 un recoñecemento da Real Academia Galega. Desde o ano 2019 foi asumido por Política Lingüística, que inicialmente o desenvolveu en catro centros educativos, un por cada unha das provincias galegas. Este ano o proxecto recibiu o Premio Rosalía de Castro de Lingua da Deputación da Coruña e Pilar Ponte, a súa coordinadora, o Premio da Cultura Galega 2019. Por outra parte, o Desafío 48 h, creado a imitación deste no IES María Casares de Oleiros, foi galardoado cun dos premios Mil Primaveras da CTNL.

En 2020, o programa chegou en cada curso a 10 centros de toda Galicia e conseguíronse 4.242 participantes (3.877 alumnas e alumnos, 305 docentes e 60 de persoal de administración e servizos) e en 2021, malia a pandemia, mantivéronse os 10 centros e a participación, de 3.738 persoas (3.141 alumnas e alumnos, 271 docentes e 51 membros do persoal de administración e servizos), foi moi próxima á da edición anterior.

En 2022, o programa continúa a súa expansión e incrementa o seu número ata acadar os 12 centros seguintes:

  • A Coruña
    • CPI de Atios, Valdoviño
    • CPI Alcalde Xosé Pichel, Coristanco
    • CPR Plurilingüe Esclavas Sagrado Corazón de Jesús, A Coruña
    • IES David Buján, Cambre
  • Lugo
    • IES Monte Castelo, Burela
    • IES Lucus Augusti, Lugo
  • Ourense
    • CPI Virxe da Saleta, Cea
    • CPR Plurilingüe Concepción Arenal, Ourense
  • Pontevedra
    • IES de Meaño, Meaño
    • IES Valadares, Vigo
    • IES de Barro, Barro
    • CPI Manuel Suárez Marquier, O Rosal

Nesta edición, os 21 días co galego e + contan con 3.845 persoas participantes (3.399 alumnas e alumnos, 394 docentes e e 52 de persoal de administración e servizos). Conseguiuse que se incrementase a participación respecto da do ano pasado, a pesar de ser aínda complicada a situación sociosanitaria.

Novidades

- O programa, grazas ao importante labor do profesorado participante, adaptouse ás novas situacións sanitarias e organizativas dos centros para seguir dinamizando a lingua malia as normas de afastamento social. As denominadas normas COVID-19 de aplicación en todos os centros educativos galegos imposibilitan algunhas actividades dinamizadoras que se realizaran en edicións pasadas.

- Na súa aposta por medrar dinamizando, o programa vólvese estender á etapa de primaria nos CPI e CPR, coa participación de alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de educación primaria.

- Séguese a contar coas colaboracións externas:

  • O programa Galicia por diante da Radio Galega, onde 21 días co galego e + terá unha sección diaria de luns a venres durante estas tres semanas na que os centros lle contarán á audiencia os temas que trataron e como está a ser a súa participación.
  • O programa Dígocho eu! da TVG, que terá encontros co alumnado dos 12 centros educativos participantes. Pola súa banda, o alumnado realizará vídeos propios co formato característico do Dígocho eu!

Creando en galego no século XXI

O lema desta edición é Creando en galego no século XXI, porque se pretende que o alumnado se achegue ás formas de creación da nosa cultura neste século con especial atención ao mundo das comunicacións que hoxe teñen por centro as redes sociais. Así, traballaranse temas moi actuais, de grande interese para o alumnado como as redes sociais, a revolución do “tradi”, os videoxogos ou a ciencia, entre outros.

Galego 24 horas

Os rapaces e rapazas da ESO, de bacharelato e de FP, con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, e mais os dos últimos cursos de primaria comprométense a falar soamente en galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que dura o programa, é dicir, desde o 1 de febreiro ao 21 de febreiro de 2022, dentro e fóra do centro de ensino. Así mesmo, tamén participan de forma directa e voluntaria o profesorado e os membros do persoal de administración e servizos.

Non cabe dúbida de que o alumnado é o protagonista, tanto por ser a súa galeguización o obxectivo primeiro como pola súa participación activa no proceso, pero o profesorado, as ANPA e as familias ou o persoal de administración e servizos dos centros educativos participantes son determinantes para o éxito da iniciativa. Así mesmo, o labor dos equipos de dinamización da lingua galega tamén resulta imprescindible para levala adiante.

Porén, a intención do programa é chegar mediante a dinamización lingüística a toda a sociedade, non só á comunidade educativa de cada centro senón tamén ás persoas que entran no seu raio de acción directo e a todas aquelas ás que se pode chegar hoxe en día a través da rede mediante a presenza en webs redes sociais.

O soporte central da iniciativa é o blog 21 Días co galego e + (blogs.xunta.gal/21diascogalegoemais/), onde se mostrarán as creacións dos centros participantes