Toponimízate 2022

Nova edición do programa de promoción da lingua galega Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra. A acción enmárcase nos proxectos Toponimia de Galicia e GeoArpad, impulsados ambos os dous desde a Xunta de Galicia, e coordinarase desde a Real Academia Galega (RAG) en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

  • Detalle do cartel de Toponimízate

    Detalle do cartel de Toponimízate

A toponimia é a disciplina que estuda os topónimos ou nomes propios de lugar: os das aldeas e parroquias, os dos ríos e leiras, os dos penedos e fontes. Constitúe un aspecto fundamental do noso patrimonio que liga a lingua propia coa xeografía, a historia ou a arqueoloxía de noso.

En 2022, a súa quinta edición, Toponimízate duplica a súa oferta de actividades e chegará a 17 concellos, co obxectivo principal de difundir o valor da nosa riqueza toponímica e involucrar a moitos colaboradores e colaboradoras neste gran proxecto colectivo de salvagarda dos nosos nomes de lugar a través da plataforma Galicia Nomeada. Coas sesións que se van levar a cabo neste ano, a Campaña Toponimízate xa suma un total de 70 concellos.

Pantón, Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio son os concellos onde se impartirán as charlas. Estas localidades acollen conferencias do filólogo Vicente Feijoo, especialista en toponimia e membro do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

Obxectivos

Os obxectivos deste programa son múltiples e atinguen tanto á veciñanza coma aos técnicos municipais:

  • Achegarlle á cidadanía de cada concello valiosa información sobre a historia do galego falado na súa contorna e sobre os modos de vida dos seus antepasados, os feitos hisóricos que foron relevantes para eles e as características da paisaxe no momento en que se bautizou cada anaco da súa terra ou cada braza do seu mar. Porque en Galicia todo está nomeado e cada nome ten unha historia que contar, un anaco de historia local que non figura nos libros e que aos veciños e veciñas lles gustará coñecer.
  • Fornecer os técnicos municipais das ferramentas necesarias que lles faciliten a tramitación de expedientes relacionados coa planificación e xestión do territorio do termo municipal, nos que deben empregar os topónimos normalizados, así como a posta en valor e promoción turística da paisaxe e dos elementos do patrimonio material e inmaterial que posúen.
  • Fomentar o uso da lingua galega entre a xente máis nova, pois promoverase que sexa esta a lingua en que interactuen cos seus avós e veciños para preguntarlles polos nomes de lugares e as lendas a eles asociados. Tamén empregarán o galego coas novas tecnoloxías para subir toda esa información a internet. Os topónimos naceron en galego e así deben usarse, tal como se manifesta no artigo 10 da Lei 3/1983 de normalización lingüística.
  • Fomentar a presenza do galego nas tecnoloxías da información e da comunicación. A toponimia moderniza a nosa lingua, porque a imos traballar cunha APP que presentará as últimas novidades en sistemas de información xeográfica e porque abriremos unha ventá ao mundo a través de internet para dar a coñecer a singularidades de cada concello.
  • Xerar dinámicas de traballo que promovan as relacións entre a sociedade, entre as asociacións veciñais e culturais e as administracións. Trátase de buscar a participación de toda a comunidade nun proxecto cultural común, facendo un traballo cooperativo entre varias xeracións, poñendo en valor a sabedoría dos máis vellos, a intrahistoria de cada concello e a conservación do patrimonio inmaterial (tradicións, folclore, coplas, lendas... asociadas aos topónimos). Isto creará un sentimento de identidade colectiva compartida e de continuidade.


Axenda de Toponimízate

Data e hora

Lugar

Concello

Provincia

17 de xuño, 20:00 hSalón de actos da Casa da CulturaPantónLugo
4 de xullo, 11:30 hCentro para atención de persoas maiores de Sada-MondegoSadaA Coruña
8 de xullo, 20:00 hSalón de actos da Casa do ConcelloLazaA Ourense
29 de xullo, 19:30 hAntigo Colexio de CeleirosChandrexa de QueixaOurense
19 de agosto, 19:00 hSalón de actos municipal dos ChaosA FonsagradaLugo
30 de setembro, 11:30 hAuditorio municipal de CoveloCoveloPontevedra
5 de outubro, 11:30 hCEIP Castrelo de MiñoCastrelo de MiñoOurense
7 de outubro, 20:00 hCentro Cultural Manuel LamazaresRodeiroPontevedra
10 de outubro, 17:00 hSalón de actos da Casa do ConcelloFisterraA Coruña
20 de outubro, 11:00 hTeatro da BeneficienciaOrtigueiraA Coruña
21 de outubro, 20:00 hCasa da CulturaAllarizOurense
28 de outubro, 20:00 hAuditorio da Fábrica (Perillo)OleirosA Coruña
9 de novembro, 20:00 hAuditorio municipal de PonteareasPonteareasPontevedra
18 de novembro, 12:00 h CEIP Nosa Señora das Dores de ForcareiForcareiPontevedra
21 de novembro, 16:30 hSala de usos múltiples do IES Maximino Romero de Lema de Baio ZasA Coruña
23 de novembro, 12:00 h  Casa da CulturaGuntín Lugo
25 de novembro, 19:00 h  Salón de usos múltiples do ConcelloO Incio Lugo